Unha gran porcentaxe das árbores especiais de Galicia sitúase en Pontevedra

O Decreto 10/2015 regula o Catálogo Galego de Árbores Singulares, que ofrece protección a 157 exemplares e 40 formacións únicas
undefined
photo_camera Carballo de Santa Margarida, en Mourente. GONZALO GARCÍA

Galicia é verde grazas ás súas árbores. Entre elas pódense atopar exemplares que destacan pola súa pegada histórica, pola súa situación ou polo seu carácter especial. E, polo tanto, son merecedoras dunha regulación que lles permita seguir vivindo e amosando as súas bondades.

No 2007 deuse un paso importante neste sentido ca creción do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, regulado polo Decreto 67/2007, de 22 de marzo. Grazas a iso, unhas 157 árbores contan coa protección que lles aporta este texto, ao igual que outras 40 formacións singulares. Estas últimas son consideradas desta maneira porque acollen unha serie de exemplares que presentan unhas características comúns.

Protección
Decreto 10/2015, de 22 de xaneiro
Considera senlleiras as árbores ou as formacións de calquera especie autóctona ou foránea, no tipo de propiedade que sexa, sempre que fosen merecedoras de estar protexidas.

Que implica a súa catalogación?
Que se protexerán na súa totalidade. Prohíbense as accións que alteren negativamente o seu estado. En caso de estar nun espazo privado, os propietarios terán axuda oficial para o seu coidado.

Selección
Calquera persoa pode presentar unha solicitude para engadir ó catálogo un novo exemplar ou formación. Os criterios de selección son:
- Dendrométricos: no que se refire ás proporcións
- Biolóxicos/ecolóxicos: grado de rareza no seu hábitat
- Estéticos e culturais: beleza, e/ou carácter histórico
- De lugar: se está nunha paisaxe peculiar

Pontevedra é a provincia que máis aporta a esta lista, con 47 unidades sobre o total, e 14 formacións singulares. Na provincia, os puntos que máis interese despertan son a carballeira de Caldas de Reis, o Pazo de Lourizán ou Pazo de Rubiáns.

A tese de doutoramento do investigador Gaspar Bernández Villegas sinala que faltan 58 exemplares por engadir no Catálogo

PONTEVEDRA. A Boa Vila ten, entre as súas raíces, nove árbores e dúas formacións singulares. Unha das máis destacadas é o Carballo de Santa Margarida. Con máis de 500 anos de historia, este exemplar está situado preto dunha capela homónima, na parroquia de Mourente. Conta cunha altura próxima aos 15 metros, e un diámetro de preto de 8 metros.

Os veciños desta árbore están tan orgullosos del que veñen de lanzar unha páxina web, na que exponen a súa vida, o seu ecosistema. Solicitan tamén un maior recoñecemento.

Un punto que recolle moitas especies singulares é o Pazo de Lourizán. Se ben o seu interior precisa dunha importante reforma, as súas zonas verdes soportan moi ben o paso do tempo. Neste xardín de 54 hectáreas existen unidades moi destacadas. Por exemplo: a Metasequoia, situada preto da gran mesa de pedra, mide máis de 33 metros de alto, e ten unha antigüidade aproximada de 50 anos. Ademais é unha especie rara en Europa, xa que se considerou extinta ata 1941.

Neste mesmo xardín hai outro exemplar que se caracteriza pola súa altura. É a Sequoia vermella, con máis de 40 metros de altura e unha idade que se achega aos 140 anos. Preto do invernadoiro de cristal sitúase tamén unha abeleira, que botou raíces nese mesmo espazo hai máis de 100 anos, e mide case 10 metros.

Xa no centro da Boa Vila, nos xardíns de Vicenti —situados nas inmediacións do edificio asignado á Deputación provincial—, atópanse tres cedros do Himalaia, con alturas que comprenden entre os 20 e os 26 metros. Todos datan da creación desta zona verde, hai máis de 100 anos.

RAFA Necesito foto de los cedros del Himalaya de los Xardins de Vicenti (los que estan frente al Blanco y Negro, que en 2017 se vieron afectados por el temporal y estan asegurados con cintas)

Á outra marxe do Río Lérez, en Poio, atópase un metrosídero de 15 metros de altura, que descansa na Finca de Besada.

undefined

OUTRAS COMARCAS. Caldas de Reis aparece varias veces neste Catálogo de Árbores Senlleiras, grazas á extensa masa arbórea que se pode atopar na súa carballeira, situada no centro da vila. Alí ten lugar unha das formacións singulares máis extensas. Está formada por máis de 200 carballos dispostos en fila, da familia Fagaceae. A altura media aproximase aos 20 metros.

Preto desta carballeira, no Xardín Botánico —declarado como Ben de Interese Cultural—, atópase unha Cunninghamia da familia dos Taxodiaceae. As súas proporcións fan destacar esta especie centenaria, con máis de 30 metros de altura.

Nesta mesma zona atópase unha árbore que supera os 125 anos. É unha Araucaria do Brasil, que tamén supera os 30 metros. É unha das especies máis destacadas deste espazo.

Redondela tamén ten unha boa mostra deste tipo de árbores singulares. Na coñecida Illa de San Simón pódense atopar unha serie de Buxus sempervirens con máis de 100 anos de vida, e que non sufriron modificacións. Destacan polo seu particular tronco, cunha pronunciada inclinación e que crea formas en forma de V. A súa altura sitúase entre os 7 e os 10 metros.

No mesmo municipio hai outro exemplar centenario. É o caso da Tulla xigante, que data da segunda metade do século XIX e ubícase no pazo de Torres de Agrelo. A súa altura é duns 18 metros.

Vigo é coñecida como a cidade olívica, e iso débese a outra árbore singular. O olivo situado na rúa Alfonso XII, con máis de 200 anos de vida, é fillo doutra árbore da mesma especie que se situou na colexiata de Santa María ata principios do século XIX. A esta árbore, que ten un porte de 15 metros, débese que Vigo sexa considerada como a cidade da oliva.