A Área estuda implantar en hospitais un programa de acompañamento a pacientes

O xerente reuniuse coa asociación O Castro, de Baión, para impulsar o proxecto, que incluiría animación aos ingresados en Pontevedra e O Salnés
Flores, no centro, reuniuse con integrantes da asociación O Castro. DP
photo_camera Flores, no centro, reuniuse con integrantes da asociación O Castro. DP

O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias, e a subdirectora médica Dolores Pan Vázquez, reuníronse onte no Hospital Provincial de Pontevedra con membros da directiva da Asociación Cultural O Castro, de Baión (Vilanova de Arousa), co obxectivo de iniciar os contactos para establecer no futuro un programa de acompañamento e animación aos pacientes ingresados nos tres hospitais públicos de Pontevedra e O Salnés, segundo informou a Xerencia nun comunicado.

Esta entidade leva anos tentando iniciar este proxecto e asegura que xa está preparada, pois foise creando una rede social, cultural e, sobre todo, de voluntariado, idónea para poder acompañar e animar aos pacientes dos centros hospitalarios da Área Sanitaria. Dito proxecto levaría dúas liñas: dunha banda o acompañamento dos pacientes da man do voluntariado de O Castro e, da outra, a dinamización cultural nos centros a cargo dos compoñentes que forman parte dos grupos de teatro, danza e música desta asociación.

O obxectivo principal é acompañar de preto ás persoas ingresadas nos hospitais con asiduidade e poder axudarlles a través da cultura, sendo conscientes que, se xa é complexo calquera ingreso hospitalario, hai grupos máis vulnerables que o requiren, como persoas maiores, soas, nenos e mozos.

Flores incidiu a importante achega solidaria deste tipo de programas no Sistema Sanitario Público da comarca e subliñou que Galicia é unha das comunidades con maior voluntariado, con preto de dez mil voluntarios activos, dos que seis de cada dez son mulleres. "A suma da vocación dos profesionais sanitarios e a vocación do voluntariado pode cambiar o mundo. É importante fomentar esta actitude solidaria entre a poboación", matizou.

Pola súa banda, o presidente da asociación O Castro, José Sabarís, agradeceu a boa disposición da Área Sanitaria, facendo votos por unha longa e satisfactoria colaboración do seu colectivo co Servizo Galego de Saúde en diversos programas de voluntariado, acompañamento de pacientes e iniciativas de humanización de espazos na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Comentarios