A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés exporta experiencia na xestión da Hepatite-C

Foi a primeira en implantar, en maio, o cribado oportunista etario tanto na atención hospitalaria como na primaria
Os doutores Juan Turnes e Pablo Parada. DP
photo_camera Os doutores Juan Turnes e Pablo Parada. DP

Na véspera do 1 de outubro, Día Mundial da Hepatite C, os doutores Juan Turnes e Pablo Parada, facultativos do servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, foron convidados a compartir con homólogos a nivel nacional e internacional os detalles do Plan galego de eliminación da Hepatite-C, así coma a propia experiencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés na xestión deste virus.

No marco do VIII Congreso Nacional de Hepatitis Víricas, e do XVI International Symposium on Viral Hepatitis and Beyond e a conferencia Fast-Track Cities, abordáronse as particularidades do proxecto FOCUS da Consellería de Sanidade que se desenvolveu inicialmente en Pontevedra, así coma a súa implicación no nomeado plan galego, considerado un dos máis ambiciosos do mundo pola súa aposta tecnolóxica.

Pontevedra e O Salnés —área sanitaria elixida por tres veces consecutivas como mellor unidade de Hepatite C de España nos premios Best in Class— foi a primeira en implantar, no mes de maio, o cribado oportunista etario da Hepatite C na Atención Hospitalaria e Atención Primaria á vez.

Cada vez que a unha persoa de 50 a 59 anos se lle realiza unha analítica, automaticamente se lle consulta a posibilidade de entrar no cribado, obtendo no conxunto de Áreas Sanitarias ata esta data 63.000 aceptacións e 83 positivos. O xefe de Servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e coautor do documento, o doutor Juan Turnes, alude á implementación do Plan galego de eliminación da Hepatite-C coma todo un éxito: "En cuestión de meses, todas as áreas galegas teñen en funcionamento o cribado por idades, un sistema difícil de replicar noutros países ou comunidades debido á gran capacidade de dixitalización que temos en Galicia, que permite que en todas as Áreas de Saúde funcione igual e de forma automática".

O cribado etario é un dos puntos deste plan que máis interese desperta fóra das nosas fronteiras, en parte, pola súa eficiencia en recursos e tempos. Segundo o doutor Juan Turnes, "o que interesa nos congresos non é tanto o número de diagnosticados, senón que somos os únicos no mundo en usar unha PCR mediante poolling para facer probas diagnósticas masivas a un custo reducido, algo que aprendemos da pandemia".

O xefe de servizo de Aparello Dixestivo tamén destaca a capacidade tecnolóxica para implantar o sistema de solicitudes.

O cribado de Galicia ofrecerá información fundamental para estimar a incidencia deste virus no resto de España, un dato clave ao tratarse dunha doenza asintomática, da que se sabe que un 25% dos doentes non diagnosticados teñen xa unha cirrose.

Detección de pacientes con IA e big data 

Algunhas das accións contempladas na estratexia galega foron levadas a cabo antes coma proxecto piloto na Área de Pontevedra e O Salnés, destacando, entre outras medidas, a aposta tecnolóxica para a busca activa de pacientes que, malia ter un diagnóstico, non recibiron o seu tratamento. 

O doutor Pablo Parada, facultativo do servizo de Dixestivo do CHUP, explicou na conferencia Fast-Track Cities en Amsterdam as particularidades do proxecto FOCUS, que, iniciado no ano 2019 na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés en coordinación coa Consellería de Sanidade, amosa a utilidade da intelixencia artificial e o big data para a detección destes pacientes.

Comentarios