domingo. 15.09.2019 |
El tiempo
domingo. 15.09.2019
El tiempo

Areeiro destaca que o bo tempo acelerou a maduración da uva albariña

Uva albariña. DP
Uva albariña. DP
Os técnicos da Estación Fitopatolóxica recomendan facilitar a ventilación dos acios para previr a botrite

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), que é un centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de publicar o último aviso fitosanitario semanal da actual campaña, no que se detalla o estado das viñas. É importante coñecelo debido á proximidade da vendima e da colleita doutras froitas, no que informa de que as boas temperaturas desta semana facilitaron o aceleramento da maduración da uva albariña nas parcelas de seguimento habituais, constatado no laboratorio da entidade.

En canto ás principais enfermidades da viña , no caso do mildio , unha enfermidade propensa nos períodos chuviosos con temperaturas elevadas, incrementáronse as manchas recentes debido as condicións rexistradas e a non realización de tratamentos cúpricos desde hai tempo. O persoal da Estación recomenda que nas viñas afectadas se realice dito tratamento despois da vendima e antes da caída das follas.

No que se refire ao oídio, outra enfermidade común, a situación observada polo persoal da EFA nas parcelas visitadas reflicte novos síntomas en folla, aínda que non é unha situación dominante.

Por outra banda, Areeiro destacou que en varias parcelas os vitiacultores eliminaran os acios máis afectados pola enfermidade da botrite. Esta práctica, unida ao clima dos últimos días, fixo que en xeral se observase un bo estado das uvas, tanto de albariño como doutras variedades máis sensibles a este patóxeno. Non obstante, aínda queda tempo para a vendima e as poden producirse novas infeccións.

Deste xeito, a EFA subliña a importancia das operacións destinadas a mellorar o microclima arredor dos acios, que deben estar aireados, aínda que convés realizalas moderadamente, xa que nalgunhas parcelas obsérvanse acios con danos por exceso de insolación. No que se corresponde coas couzas do acio, nas viñas da rede de seguimento apenas se observaron penetracións. Tan só algún caso illado do que informaron os técnicos.

Areeiro destaca que o bo tempo acelerou a maduración da uva albariña
Comentarios