O presidente da Deputación, Luis López, anunciou este venres a aprobación dun convenio de colaboración entre a Estación Fitopatolóxica do Areeiro e outras tres entidades galegas para investigar a eficacia dun remedio elaborado a base de sementes de camelias da provincia para acabar cun patóxeno que está a provocar a podremia dos cultivos de castaña no territorio provincial.
O proxecto foi bautizado como Soutosán e trátase dun acordo de colaboración a catro anos, cun orzamento total de 180.000 euros dos que a Deputación, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, será a que máis fondos achegue (70.000 euros) e no que participan tamén Fauna Útil SL (con 69.000 euros), Fundación Universidade Galega (con 22.000 euros) e IXP Castaña de Galicia (con 19.000).
"Gústame facer fincapé na importancia que neste Goberno da Deputación damos á cooperación entre institucións e á colaboración público-privada para sacar adiante proxectos beneficiosos para a nosa economía e a nosa sociedade", declarou o dirixente provincial.
A iniciativa, que opta tamén a recibir fondos europeos polo seu carácter innovador no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común, ten como obxectivo dar cun tratamento biolóxico en forma de extracto natural e sostible.
"É un remedio natural, de proximidade, eficaz e respectuoso co medio ambiente para acabar cunha enfermidade que agora mesmo non ten cura", remarcou Luis López.
Os investigadores agardan que o proxecto sirva para reducir a incidencia deste patóxeno, chamado Gnomoniopsis Smithogilvyi, nun 60 % ou 70 % coa aplicación deste extracto de camelia e, ao mesmo tempo, elaborar un mapa de risco desta enfermidade.