Lunes. 27.05.2019 |
El tiempo
Lunes. 27.05.2019
El tiempo

A ARI do casco histórico recibirá 1,5 millóns na terceira anualidade

Vista exterior do edificio rehabilitado por Pancho e Piedad. RAFA FARIÑA
Vista exterior do edificio rehabilitado por Pancho e Piedad. RAFA FARIÑA

En novembro iniciarase a redacción das bases das axudas para particulares ▶Unha parella cóntanos a súa experiencia: "É coma unha aldea grande e o feito de que non haxa tráfico é especialmente importante"

O casco histórico de Pontevedra recibirá unha inxección económica de 1.496.033,50 euros de investimentos coa terceira fase da Área de Rehabilitación Integral (ARI), que foi confirmada hai uns días ao Concello e que se asinará arredor do 31 de outubro, segundo informou este martes a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías, trala comisión informativa.

Aínda que a petición inicial do Concello era de 2.883.455,23 euros para executar 140 rehabilitacións de vivendas e dúas rehabilitacións de espazos públicos, finalmente a achega quedou na metade do solicitado. Ao igual que en anteriores anualidades, os fondos serán asumidos polo Ministerio de Fomento (33%), a Xunta de Galicia (11%) e o Concello (case do 10%) e os particulares.

Unha vez que se aproben os fondos, coa sinatura do convenio a tres bandas que se rubricará o vindeiro 31 de outubro, o Concello poderá publicar as bases para que os particulares poidan concorrer a estas axudas á rehabilitación. A porcentaxe subvencionable oscila segundo a convocatoria. A da pasada anualidade foi do 45%, cunha contía máxima por vivenda de 15.000 euros, e nas fases anteriores o importe máximo era do 35% cunha contía máxima de 11.000 euros por vivenda.

O Concello solicitou unha prórroga ata o 31 de decembro de 2019 para xustificar as primeiras dúas fases de subvención da ARI do Centro histórico. Polo momento executáronse 112 actuacións dun total de 150 subvencionables.

Coas axudas das ARI pódese acometer calquera tipo de rehabilitación da vivenda ou dos edificios (agás acabados e decoración). Inclúense, por exemplo, obras de adaptación á normativa urbanística, de eficiencia enerxética ou de espazos comúns dos edificios. O Concello lembrou que o centro histórico foi declarado ARI pola Xunta de Galicia en outubro de 2012 e recibiu a primeira liña de axudas en 2015.

POBOACIÓN. Gulías congratulouse de seguir destinando recursos ao casco vello para que "siga vivo e habitado", tal como poñen de manifesto as cifras de poboación, que aumentaron lixeiramente segundo o padrón municipal.

A día de hoxe son 2.056 veciños, dous máis que en 2017, unha tendencia ascendente desde hai tres anos, aínda que non se recuperaron os 2.180 de 2011.

MICHELENA. Na comisión de Urbanismo tamén se abordaron os informes elaborados pola Oficina Técnica de Rehabilitación respecto a dous edificios da cidade. Un deles é o da rúa Michelena que sufrira un incendio en febreiro de 2016. "Estamos esperanzados de que se poida rehabilitar", apuntou a concelleira. A situación é "complexa", porque son dúas edificacións con tres catalogacións patrimoniais distintas, así que se barallan tres posibles usos que combinan local comercial, vivendas e oficinas.

O outro inmoble atópase entre as rúas San Román e Figueroa e tamén precisa unha "solución complexa", que podería pasar por recuperar un patio interior.

En primeira persoa. "É un proxecto moi bonito pese á lentitude na tramitación"

Pancho e Piedad, na súa vivenda do casco histórico. MIGUEL RIOPA

"A rehabilitación dunha vivenda é un proxecto moi bonito", a pesar da "lentitude da tramitación", xa que o ritmo "chega a ser exasperante", admite Pancho Tristán. El e a súa parella, Piedad Rojas, mercaron un inmoble na rúa San Sebastián, en pleno casco histórico, e case catro anos despois lograron convertelo no seu fogar, unha vivenda do século XV totalmente rehabilitada con criterios bioclimáticos.

Diso encargáronse o estudo de arquitectura pontevedrés Santos y Mera e unha construtora tamén autóctona. Tristán e Rojas foron algúns dos propietarios que contaron coa subvención da ARI para financiar unha pequena parte da reforma, aínda que "imos tardar bastantes meses en recibila". Desde xullo contan coa licenza de habitabilidade.

O salón-comedor, un dos espazos principais da casa rehabilitada no casco histórico. MIGUEL RIOPA

NEGATIVO. Pese ao vagar co que discurren os trámites nunha obra deste tipo (aínda que destaca o ben que funciona a Oficina Técnica de Rehabilitación do Concello), Tristán subliña a "satisfacción de axudar a recuperar o patrimonio urbanístico e arquitectónico da cidade". A calidade de vida na zona vella é "especialmente boa; é coma unha aldea grande e o feito de que non haxa tráfico é especialmente importante", tanto como para non botar en falta un garaxe na vivenda.

Pola contra, non todo é perfecto. "A fibra óptica non está implantada na nosa rúa, e non podemos ter un acceso razoable a Internet". Tampouco contan con colectores de recollida selectiva. "Os que temos máis preto están en Cobián Roffignac, ou Daniel de la Sota ou Riestra... Saímos da casa cargados de bolsas". De feito, moitos veciños non reciclan por este motivo.

A ARI do casco histórico recibirá 1,5 millóns na terceira anualidade
Comentarios