O Armadiña Rock muda o festival de 2020 por banda deseñada con música

photo_camera Presentación da banda deseñada, onte no Pazo Provincial.

A publicación O último festi en banda deseñada substituirá este ano por mor da pandemia a edición do Armadiña Rock Fest 2020 que se ía celebrar o pasado mes de agosto en Combarro. Así o explicaron onte a deputada de Patrimonio e Lingua, María Ortega; a presidenta do colectivo Armadiña, Luz Fontán, o ilustrador e coordinador Kiko da Silva e os autores Pablo Prado e Fernando Llor.

O último festi é un libro de 32 páxinas a cor do guionista Fernando LLor, nomeado mellor guionista español de cómic, e o debuxante Pablo Prado, que acaba de adaptar á banda deseñada a novela de Berta Dávila O derradeiro libro de Emma Olsen, obra editada pola editorial Galaxia. A banda deseñada conta a historia dunha pandilla formada por dous rapaces e dúas rapazas que vivirán o seu último festival antes de separarse para dar comezo a súa etapa universitaria en diferentes cidades. O festival será a décimo segunda edición do Armadiña Rock en Combarro. Nela tamén haberá un cartaz formado por bandas musicais como Uxía Lambona e a Banda Lambona, Fanfarria Taquicardia, The Tetas Van, Sés e Heredeiros da Crus, a cuxas actuacións as e os lectores poderán chegar a través de códigos QR.

Segundo destacou María Ortega, a Deputación colaborou coa edición desta publicación polo seu novidoso formato, pois é a primeira vez que un festival de música se converte en literatura en formato cómic en lingua galega. Ademais, tendo en conta que a banda deseñada é un dos xéneros literarios con menor presenza nos catálogos editoriais galegos, a edición de O último festi supón achegar unha temática diferente e orixinal á literatura galega e unha clara aposta pola edición de banda deseñada nesta lingua.

Pola súa banda, Luz Fontán destacou que a banda deseñada permite que o festival teña unha edición na ficción ao non poder celebrarse en vivo, onde habitualmente acudía unhas 25.000 persoas.

Kiko da Silva subliñou que "foi tremendamente chamativo que, fronte á maioría de festivais que, cando cancelaban pasaban ao formato dixital, nos chamasen do Armadiña para ir ao analóxico e ao papel. Isto permitirá que o Armadiña permaneza nos andéis das bibliotecas mantendo a esencia, incluíndo a música a través dos códigos QR", dixo

Comentarios