O Arquivo Histórico de Pontevedra recupera 7.500 documentos do lazareto da Illa de San Simón

Datados entre 1920 e 1930, son principalmente documentos de barcos, tripulantes e pasaxeiros que reflicten o proceso para poder saír tras as corentenas do lazareto

O Arquivo Histórico de Pontevedra continúa a crecer. DP
photo_camera O Arquivo Histórico de Pontevedra continúa a crecer. DP

 A primeira fase dos traballos que está a realizar o Arquivo Histórico de Pontevedra coa documentación histórica do lazareto da Illa de San Simón saldouse con 7.500 documentos históricos restaurados.

Así o comprobaron este mércores o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, nunha visita ao Arquivo Histórico que tivo lugar a raíz do Día Internacional do Patrimonio Mundial.

Acompañados pola directora do arquivo, Carmen L. Corgo, o encontro serviu para poñer de manifesto a importancia destes traballos de conservación e divulgación documental co fin de estudar, comprender e manter vivo un período da historia contemporánea tanto de Galicia como de España, como expresou Lorenzo.

A primeira fase deste traballo de restauración comezou no 2019 e, nos 7.500 documentos conseguidos ata hoxe, datados entre 1920 e 1930, contén principalmente documentos de barcos, tripulantes e pasaxeiros que reflicten o proceso para poder saír tras as corentenas do lazareto. Como indicou Anxo M. Lorenzo, estes documentos atopábanse nun mal estado de conservación, polo que a labor do arquivo foi capital na súa recuperación.

O propio Anxo M. Lorenzo salientou, ademais, o traballo levado a cabo pola Xunta á hora de contribuír á conservación dos fondos documentais dos distintos arquivos galegos a través de distintas iniciativas como unha liña de axudas específicas por 145.000 euros destinada tanto a concellos como a entidades sen fin de lucro.

O director xeral de Cultura tamén fixo fincapé en que o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra obtivo, mediante trasnferencia documental da Delegación de Facenda de Vigo, a documentación do lazareto que estaba depositada na Aduana de Vigo en 1977, ademais da documentación do lazareto de San Simón existente na illa en 1982. Desta forma, a documentación do lazareto de San Simón que custodia o arquivo abrangue xa un período que comeza no ano 1803 e que chega ata o 1934, máis dun século despois. Este inclúe, entre outros, expedientes e rexistros de buques, misais, rexistros de ordes e saídas de persoal.

Comentarios