"Este arquivo é a memoria colectiva dos pontevedreses"

A pontecaldelá Paula Boullosa vén de converterse na primeira muller que dirixe o Arquivo Municipal de Pontevedra. Faino de xeito interino tras a xubilación de Enrique Sotelo, que estivo á súa fronte dende 1984. "Se queres adicarte a isto, tes que ter vocación de servir", di
Paula Boullosa traballando, esta semana, no arquivo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Paula Boullosa traballando, esta semana, no arquivo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Sinto que me enfronto a un gran reto", di Paula Boullosa (Ponte Caldelas, 1978). "Chegar aquí supón, dalgunha maneira, a culminación de todo polo que viñen traballando, de toda a formación que recibín, de tanto esforzo. Dure o tempo que dure".

Licenciada en Historia e especializada en patrimonio documental e bibliografía, Paula Boullosa, a primeira muller que dirixe o Arquivo Municipal de Pontevedra, ten ademais estudos de posgrao e un mestrado relacionados co ámbito da arquivística. No Arquivo Municipal de Pontevedra traballa dende novembro do ano pasado. Trala xubilación de Enrique Sotelo, que era o director do organismo dende 1984, ela conseguiu o primeiro posto no proceso de selección do que saíu a persoa que ocupa de xeito interino esa praza, que está incluída nunha próxima oferta pública de emprego do Concello de Pontevedra (da que se informou a comezos de maio e que lle afecta a máis de 30 postos municipais).

"Este arquivo é a memoria colectiva dos pontevedreses", di a arquiveira, que lle resta importancia ao feito de terse convertido na primeira muller que ocupa este cargo. "A verdade é que para min non é nada significativo. Homes e mulleres estamos perfectamente capacitados para facer este traballo, sen máis". Dende o punto de vista profesional si que é moi relevante para ela ter chegado a este cargo, "case como un soño". Segundo explica, o máis complicado do seu traballo está relacionado coa xestión de recursos. "Tes que levar a xestión documental, a do persoal, a das instalacións, a coordinación, os proxectos... Estas tarefas esixen que lle acabes adicando moito tempo e non lle poidas adicar todas as horas que quererías á xestión documental. Porque hai moito por facer".

O arquivo é garante dos dereitos dunha sociedade democrática e da transparencia na xestión pública

Paula Boullosa menciona a xestión das instalacións como unha das responsabilidades que conleva a dirección do Arquivo Municipal de Pontevedra, que actualmente ten depósitos repartidos ata en tres espazos distintos: o Concello, o baixo do colexio Froébel e o antigo Conservatorio de Música. A arquiveira fai súa unha vella reivindicación do organismo: contar cunha sede que permita agrupar todos os documentos do Arquivo Municipal. "É necesario un edificio único para o Arquivo. O traballo sacámolo adiante, pero a realidade é que as instalacións non son as adecuadas nin para a conservación da documentación nin para funcionar coa eficacia que se debería. Traballar así é complicado para nós, pero tamén para os investigadores e para os cidadáns".

DEMOCRACIA. A directora relaciona directamente o papel dos arquivos coa democracia. "O arquivo é garante dos dereitos dunha sociedade democrática e da transparencia na xestión pública". Entre outras cousas, alí poden consultarse dende expedientes de obras ata os libros de actas da corporación municipal, polos que precisamente Paula Boullosa ten predilección. "É a serie documental máis importante dos arquivos municipais. Van dende a Idade Media ata a actualidade. Aí está todo", sinala a arquiveira que tamén conta, a modo de curiosidade, como existen algunhas eivas documentais no organismo, entre outras cousas, porque "durante a Guerra Civil había necesidade de papel e doouse dende o Arquivo".

O traballo sácase adiante, pero as instalacións non son as adecuadas nin para conservar os documentos nin para funcionar con eficacia

O papel segue sendo fundamental no ámbito de traballo de Paula Boullosa. Ela cre que seguirá sendo así por agora, pero que se camiña cara a administración dixital. "A dixitilización é precisamente un dos retos máis importantes que enfrontan os arquivos. Pontevedra, por exemplo, ten dixitalizadas as actas municipais dende 1834 ata 2004. Fáltanos a comisión que regule este traballo, a ver se a podemos poñer en marcha en breve".

Para a arquiveira, no seu traballo é fundamental "a vocacion de servir, ademais da de conservar e difundir o patrimonio", explica. "O máis satisfactorio deste traballo é cando lle axudas a alguén a atopar algo que estaba buscando ou que lle facía falta".