O arquivo municipal de Pontevedra abre con "estritas condicións" para a consulta de documentos

A atención será "esencialmente" telemática, pero permitirase o acceso cando sexa imprescindible e con cita previa

Documentos no arquivo municipal. ARQUIVO
photo_camera Documentos no arquivo municipal. ARQUIVO

O arquivo municipal de Pontevedra reabre as súas portas ao público, e faino, con "estritas condicións" que garantan a seguridade, para permitir a consulta de documentos. Así as cousas, o Concello asegura que se prioriza a atención telemática, pero que se permitirá o acceso cando sexa "imprescindible", sempre con cita previa.

A apertura dos arquivos é unha das previstas na fase 0 da desescalada, a que se iniciou este luns tras o confinamento ao que obrigou a pandemia do coronavirus. Con todo, debe facerse de acordo cunha serie de indicacións para evitar riscos.

O material utilizado quedará en corentena durante polo menos 10 días

Así, solicitada a consulta, o arquivo comunicará por teléfono ou correo electrónico a data e as condicións nas que se pode facer. Terán preferencia as peticións de información e copias de documentos que deban achegarse en procedementos administrativos e xudiciais.

Unha vez consultados, os documentos e material manipulado quedarán en corentena durante un mínimo de 10 días antes de poder ser empregados de novo, segundo explica o Concello nun comunicado.

Ademais, o arquivo porá a disposición dos usuarios que accedan ás instalacións máscaras, guantes, panos dun uso e solucións hidroalcólicas. Só poderán utilizar os seus equipos informáticos.

O teléfono de contacto do arquivo municipal é o 986 804 300, na extensión 7021. E o enderezo electrónico, [email protected].

Comentarios