O Arquivo Municipal reúne nunha exposición 360 documentos, fotos e obxectos da Pontevedra dos 30

Uno de los carteles. DP
photo_camera Uno de los carteles. DP

O Arquivo Municipal reúne nunha exposición 360 documentos, fotos e obxectos da Pontevedra dos anos 30 Enrique Sotelo, coa colaboración de Roberto Taboada e Lino Pazos, coordinou esta mostra que se poderá visitar no Pazo da Cultura entre o 30 de abril e o 7 de xullo e que está adicada á memoria do historiador Juan Juega.

Documentos de todo tipo, "algúns nunca antes vistos", obxectos, fotografías e prensa, como o Diario de Pontevedra, forman parte da gran exposición sobre a Pontevedra dos anos 30 que se poderá visitar entre o 30 de abril (20.00 horas) e o 7 de xullo no Pazo da Cultura. Trátase da mostra Entre dúas aguas. Pontevedra 1930-1940, do Arquivo Municipal, que reuniu 360 pezas de diferente tipo baixo a coordinación do arquiveiro Enrique Sotelo, coa colaboración dos investigadores Roberto Taboada e Lino Pazos, e que pretende ofrecer un retrato do que era a vida na cidade entre a proclamación da Segunda República e o golpe de estado de 1936 e a posterior ditadura franquista.

"Entre outras cousas contaremos co libro de actas de 1931, o da primeira corporación da Segunda República en Pontevedra", sinalou Sotelo, que destacou o feito de ter realizado esta mostra en memoria de Juan Juega, "probablemente o historiador máis importante desta cidade, importante colaborador do Arquivo Municipal, que faleceu o ano pasado".

Pontevedra entre dúas augas, que se vén preparando ao longo dos últimos 16 meses, estará dividida en nove apartados temáticos, segundo se avanzou na súa presentación. O primeiro centrarase na política e nas eleccións; o segundo, no golpe de estado do 36; o terceiro, na vida cultural, social e deportiva de Pontevedra, e o cuarto no comercio, "incluíndo anuncios e facturas curiosísimos". Os acontecementos peculiares e a visita de distintos persoeiros á cidade centrarán o quinto bloque; a propaganda tanto da República como do franquismo, o sexto; a vida económica, "incluída a relación das familias cos bancos e as distintas moedas", o sétimo; o goberno da cidade, o oitavo, e a sanidade, o noveno.

Comentarios