Pontevedra tamén dá de comer a quen pasa

Pontedetapas inicia este xoves a súa duodécima edición coa participación de 53 establecementos ▶O 'gastroespazo' do Mercado de Abastos estréase nesta iniciativa culinaria con cinco locais

Pontedetapas quenta motores en Pontevedra. O certame gastronómico impulsado polo Concello inicia este xoves a súa duodécima edición co obxectivo de contribuír a potenciar o turismo de proximidade e reactivar a hostalaría da cidade nun dos seus meses máis frouxos a nivel de facturación.

Un total de 53 establecementos competirán no concurso con 31 tapas tradicionais, 20 creativas e 18 cócteis. Serán dous menos que o ano pasado, pero a principal novidade desta edición ten que ver coa incorporación do gastroespazo do Mercado. Cinco dos postos da primeira planta da Praza de Abastos sumaranse a este evento, que finalizará o vindeiro 1 de decembro. Das 41 tapas que entrarán no concurso, 16 serán aptas para celíacos.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, que inaugurou este xoves o Pontedetapas na Cafetería Orly, lembrou que o concurso durará 18 días, un máis que en 2018. "Serán tres fins de semana completas nas que degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados e a prezos baixos: dous euros por tapa e tres por cóctel", indicou.

Como en anos anteriores, a iniciativa elixirá á mellor proposta culinaria. A votación popular será a encargada de decidir a Tapa Pontevedra. O establecemento que gañe este recoñecemento representará á cidade no certame De Tapas por Galicia, que promove a Xunta a través do organismo Turismo de Galicia. Neste evento elexirase o mellor petisco das sete grandes cidades galegas.

O vencedor da Tapa Pontevedra tamén poderá desenvolver un showcooking na vindeira edición de Etiqueta Negra, a feira gourmet que cada ano promove o Concello no Recinto Feiral.

Un xurado profesional será o encargado de probar as propostas gastronómicas de Pontedetapas que previamente seleccionará o profesorado do CIFP Carlos Oroza. O resultado desta decisión traducirase en tres galardóns: a mellor tapa creativa, a mellor tapa tradicional e o mellor cóctel.

500 EUROS. Patrocinado por Mahou por segunda edición consecutiva, o certame gastronómico tamén entregará premios á xente que vote a súa tapa ou cóctel favorito. Hai en xogo dous cheques de 500 euros para gastar no comercio ou mercado local. Un dos vales se extraerá ó azar entre os cupóns que se cubran en formato papel. O outro sortearase entre os clientes que voten a través da aplicación móvil.

Nesta edición tamén se manterá o Pasaporte Pontedetapas, que garante unha cea para dúas persoas valorada en 60 euros para as dez primeiras persoas que completen a ruta dos 53 bares e entreguen o documento selado na Casa da Luz antes do 8 de decembro.

ALGUNHAS TAPAS TRADICIONAIS

Tábula Rasa

Tábula Rasa - Pontedetapas

RE-DON-DO. Redondo de tenreira galega, aceite de oliva, vinagre de mazá, pemento vermello, cenoria, cebola, cravo, pementa negra, allo, sal e chile de caiena. Apta para celíacos.

La Platería

La Platería - Pontedetapas

Arroz con leite. Esta tapa doce contén os seguintes ingredientes: arroz, leite, azucre, canela en rama, pel de laranxa e de limón, brandy e pasas

Parador de Turismo

Parador de Turismo - Pontedetapas

Pastel de mexillóns sobre mar de algas. A tapa contén mexillón, allo, cebola, allo porro, pementos, viño, condimento de pemento, nata, ovo, algas e pan.

Casa Verdún

Casa Verdún - Pontedetapas

Outra vaca no millo é o nome da tapa deste local. Os ingredientes que leva son pan con millo, carne de vaca, queixo tetilla e fritada de vexetais.

Casa Román

Casa Román - Pontedetapas

Bacallau con coliflor. Esta tapa contén os seguintes ingredientes: bacallau, coliflor, patacas, condemento de pemento, vinagre, allo, aceite e hebras de chil.


ALGUNHAS TAPAS CREATIVAS

Padal da Santiña

Padal da Santiña - Pontedetapas

Planeta ovo é o nome da tapa coa que compite este establecemento. Os ingredientes do bocado son os seguintes: pataca, ovo, chourizo e trufa.

Loaira

Loaira - Pontedetapas

Ostra en escabeche. Ostra, aove, cenoria, loureiro, pementa, limón, lima, escumoso galego, colas xelatina, ágar ágar, mazá e laca verde. A tapa é apta para celíacos.

A Ultramar

A Ultramar - Pontedetapas

Petote, a bola da ola. Masa: fariña frouxa, caldo de lacón, azucre, sal e fermento. Recheo: diferentes partes de porco, pementa rosa, allo, manteiga de porco, viño branco e sal.

La Culpa de la Gula

La Culpa de la Gula - Pontedetapas

O porco ben vestido. Costela de porco, fondo escuro, aguacate, iogur, apio, tequila, pistachos, pataca, castaña, cebola, allo porro, vinagre, azucre, nata, aceite, sal, allo, pemento, romeu e tomiño.

El Cafetín

El Cafetín - Pontedetapas

Mare nostrum. Mexillón, berberecho, ramallo de mar, carrapucho, wakame, kombu, alga doce, espirulina, ourizo de mar, pan mariñeiro, trigo, allo, ovas de tobiko, cebolas, allos porros, fumet, salsa XO e lima.

Comentarios