Arranca una nova edición de Pontenciencia

Alumnado dos CEIP A Xunqueira II, CIFP A Xunqueira e IES A Xunqueira I participaron en varios obradoiros
Participantes nun dos obradoiros do Pontenciencia. DP
photo_camera Participantes nun dos obradoiros do Pontenciencia. DP

A VIII edición do programa Pontenciencia arrancou este luns cos xa tradicionais obradoiros científicos e as primeiras avaliacións do xurado nos CEIP A Xunqueira II, CIFP A Xunqueira e IES A Xunqueira I.

No proxecto –promovido pola Concellería de Educación do Concello de Pontevedra e a Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt) co obxectivo de "contribuír a desenvolver un pensamento crítico e crear mentes investigadoras"– participan un total de 17 centros educativos e oito familias que presentarán 47 investigacións ata o vindeiro 5 de xuño.

No CEIP A Xunqueira II, ademais de expoñerse diversos traballos ao xurado, o alumnado de 6º curso desfrutou este luns dun taller de Cerámica prehistórica e lume ao longo da historia, no que aprenderon a realizar cacharros cerámicos prehistóricos individualmente a través da técnica de pinch pot, así como a facer lume mediante unha exhibición na que se examinou a súa realización ao longo da historia –Paleolítico, Idade do Ferro e Idade Media–.

No IES A Xunqueira I tiveron lugar os seguintes obradoiros: Desenvolvemento Web, como funciona o Internet, no que se deu aos alumnos de 4º da ESO a posibilidade de entender como funcionan as páxinas web e que tecnoloxía teñen detrás; A mitoloxía galega: un mundo por descubrir, para os de 2º da ESO, unha actividade didáctica ao redor do patrimonio inmaterial galego na que se aborda dun xeito ameno e accesible o mundo das lendas, os seres míticos e as crenzas vencelladas á nosa literatura oral, e Laboratorio musical electrónico, taller sonoro de creación de música electrónica para 2º da ESO.

Para este luns están previstos un novo obradoiro de Cerámica prehistórica no IES A Xunqueira I –entre 16:40 e 18:10 horas– e unha charla de Ana Cao no CIFP A Xunqueira titulada O xénero nos ollos –de 17:00 a 17:50 horas–, sobre a representación da muller na publicidade –resultado do traballo dun grupo de investigadoras da Universidade de Vigo que estudan a representación do xénero nos libros de texto e a publicidade–.

Segundo avanza o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, as actividades de Pontenciencia 2021 "continuarán este martes no IES Vallé Inclán, con visita do xurado –9:30 a 10:00 horas– e talleres de Desenvolvemento Web –de 9:50 a 11:30 horas e de 12:00 a 13:40 horas– e Laboratorio Musical Electrónico –de 9:50 a 11:30 horas e de 12:00 a 12:50 horas–; no IES Frei Martín Sarmiento, con visita do xurado de 10:30 a 11:00 horas e un taller sobre As árbores senlleiras de Galicia –de 19:40 a 20:30 horas–, e no CFEA de Lourizán con este último taller –de 17:00 a 17:50 horas–".