sábado. 29.02.2020 |
El tiempo
sábado. 29.02.2020
El tiempo

Arrancan as obras do novo parque infantil de Médico Ballina, con tres meses de prazo

Os concelleiros e persoal da empresa no terreo do parque de Médico Ballina. CONCELLO
Os concelleiros e persoal da empresa no terreo do parque de Médico Ballina. CONCELLO
O proxecto suporá un investimento de 157.520 euros e desenvólvese nunha parcela cedida por Adif

A empresa Bricantel España iniciou este martes os traballos de construción do novo parque infantil da rúa Médico Ballina de Pontevedra, e fíxoo en presenza dos concelleiros de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e de Promoción Económica, os socialistas Iván Puentes e Yoya Blanco, respectivamente. As obras arrincan despois de que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) realizase a apertura dos cadeados que pechaban a parcela.

A actuación comezou co desbroce e acondicionamento dos terreos situados na pasarela sobre as vías do ferrocarril, como paso previo á creación da zona de lecer. Así as cousas, Puentes amosou a súa "gran satisfacción por ver que, tras unha farragosa tramitación, este proxecto que se enquistara durante o anterior mandato poderá ao fin facerse realidade".

As obras teñen un prazo de execución máximo previsto de tres meses, polo que o Concello agarda que os veciños poidan inaugurar o parque en primavera. O proxecto suporá un investimento de 157.520 euros e desenvólvese nunha parcela cedida por Adif.

O proxecto contempla unha zona destinada aos acompañantes dos rapaces no acceso ao parque e outra traseira na que se instalarán xogos infantís. A área de lecer para os máis pequenos contará cun peche perimetral, un pavimento amortecedor e xogos. Entre eles, haberá unha tirolina, un pórtico de randeeiras, un bambán con forma de cesto, paneis lúdicos ou un labirinto. Ademais, a zona de descanso disporá de bancos, unha mesa de ping-pong e taboleiros para xogos de mesa, entre outros elementos.

Arrancan as obras do novo parque infantil de Médico Ballina, con...
Comentarios