Arrinca a mellora do parque da rúa Irlanda cun investimento próximo aos 28.000 euros

Os traballos inclúen a renovación de mobiliario, a creación de sendas e a rexeneración dunha ampla zona verde

Empezan os traballos no parque da rúa Irlanda. DP
photo_camera Empezan os traballos no parque da rúa Irlanda. DP

O Concello de Pontevedra vén de poñer en marcha o proxecto de renovación integral e mellora paisaxística do parque municipal da rúa Irlanda, uns traballos cun investimento de 27.743 euros que —asegura— "permitirán potencialo" como lugar de encontro, socialización comunitaria e realización de actividades lúdicas e deportivas. 

O edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, explicou este mércores que a intervención contempla "a creación de sendas, a renovación de mobiliario urbano e o axardinamento dunha ampla zona verde situada entre as rúas Reino Unido, Alemaña, Irlanda e Luxemburgo".

Nesa liña, un dos obxectivos é "optimizar a comunicación do parque co contorno", coa creación de camiños de acceso desde as rúas Alemaña e Luxemburgo, dotar o espazo de zonas de estancia e lecer. Ademais, garantiranse as "máximas condicións de seguridade" nas zonas de noiro mediante a restauración e construción de novos treitos de valado protector de madeira.

O concelleiro salientou tamén que se incrementará o valor paisaxístico do parque cunha "mellor composición a nivel de xardinería" e a instalación dun sistema de rega.

PARQUE DOS AREÁS. As concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Deportes tamén iniciaron nestes días os traballos de restauración do parque de petanca de Os Areás cun zafarrancho de limpeza e desbroce que tamén 
chegou ao contorno do Mirador e que executaron as brigadas municipais de Parques e Xardíns.

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, avanzou que esta nova intervención "completarase nas vindeiras semanas co arranxo de todos os elementos de madeira da pista de xogo, a rexeneración dos pavimentos de xabre e o axardinamento deste contorno". 

Limpeza no Mirador. DP

Comentarios