Arte a catro graos baixo cero

Isaac Cordal participa nun encontro de 'land art' en Finlandia "Un proceso estraño: había que quentar o bulleiro con auga e usar focos"

Detalle das tres figuras da instalación efémera que o pontevedrés Isaac Cordal realizou en novembro. ISAAC CORDAL (1)
photo_camera Detalle das tres figuras da instalación efémera que o pontevedrés Isaac Cordal realizou en novembro no encontro Lapinjärvi Landart. ISAAC CORDAL

Isaac Cordal pásase á figura humana a tamaño natural. O creador pontevedrés, que viña realizando un proxecto artístico con figuras a pequena escala que instalaba en cidades de todo o mundo, acaba de participar nun encontro de land art en Finlandia no que fixo tres esculturas efémeras a tamaño real. "Ese proxecto ao que te refires chámase Cement Eclipses e sígoo desenvolvendo", conta a través do correo electrónico. "Dependendo da situación cambio a escala". Iso si, os seus intereses adoitan gravitar sobre o mesmo: inquedanzas sobre a explotación humana ou natural, denuncia dos abusos do capitalismo e preocupación pola deriva das sociedades actuais. "Como creador gustaríame ter unha variña máxica e facer que Ence desapareza da Ría de Pontevedra", sinala.

Detalle das tres figuras da instalación efémera que o pontevedrés Isaac Cordal realizou en novembro. ISAAC CORDAL (3)Isaac Cordal (Pontevedra, 1974) viaxou a Finlandia en novembro do ano pasado. Convidouno outro pontevedrés, Antonio Arosa, que leva vivindo no país nórdico dende hai trece anos. El, que tamén é artista (acaba de expoñer o seu traballo no local Tabula Rasa de Pontevedra), é un dos coordinadores de Lapinjärvi Landart (xunto a un equipo local, que conforman Pete Rantapää e Henrik Lund), "un evento que nas distintas estacións do ano propón propostas artísticas integradas na súa paisaxe", explica Cordal. "Os materiais a utilizar son os propios do lugar".

Ademais de Cordal e Arosa aínda houbo un terceiro pontevedrés que colaborou no proxecto artístico, David Eirín. "Vive en Suecia, pero como estaba de visita acabou involucrándose ao cen por cen".

O creador usou bulleiro e gallas de árbores para construír tres figuras humanas a través das que propuxo unha reflexión sobre a corta industrial. "Realizamos tres esculturas de tamaño natural e situámolas nunha parcela dunha fraga recentemente cortada", conta. "A idea xorde un pouco das propias condicións do proxecto, que como premisa utiliza a contorna natural como material. Por iso empreguei barro e pólas do propio lugar. O trasfondo da miña instalación reflexiona sobre a corta industrial que tamén afecta a Finlandia".

Detalle das tres figuras da instalación efémera que o pontevedrés Isaac Cordal realizou en novembro. ISAAC CORDAL (2)As condicións nas que traballou Isaac Cordal non son as habituais neste tipo de encontros: temperaturas baixo cero e sen luz natural dende as tres da tarde. "A temperatura mínima foi de -4°C en certos momentos. Ao traballar con barro, isto complícao todo, xa que se conxelaba e había que quentalo con auga. Un proceso estraño". Ao problema da falta de luz tamén había que facerlle fronte. "Iso fixo que tivesemos que traballar con lanternas".

Por enriba, o lugar onde se situaron as esculturas é unha fraga próxima a Lapinjärvi de acceso complicado. "Digamos que, ao final, foi todo unha batalla épica contra os elementos. Pero agradecín moito o contacto coa natureza. E a capacidade de traballo de todos os que axudaron".

Comentarios