Arte contra a fame

Seis artistas locais colaboran co Concello nunha iniciativa para visibilizar a fame. A Ferrería acolle desde o mércores unha mostra con sete cubos con lemas e imaxes deseñados polos participantes
Obra de Basilisa Fiestras. DP
photo_camera Obra de Basilisa Fiestras. DP

Seis artistas de Pontevedra están a unir o seu talento contra a fame. A fin de visibilizar este problema na cidade e concienciar á cidadanía sobre el, Antón Sobral, Basilisa, Alberto Pena, Xulio Gil, Taller Abierto e Carmen Hermo poñen a súa arte a disposición da iniciativa Fame Cero que promove a Concellería de Benestar Social.

"O que faremos na exposición é só un pequeno punto de partida para un proxecto de longo percorrido que iremos desenvolvendo da man da Concellería de Benestar de Pontevedra", adiantou Antón Sobral a este Diario. "Do que se trata é de tratar o asunto a pequena escala. Non é necesario ir a Asia ou a África para atopar nenos que pasan fame. Tamén os hai en Europa", engadiu o artista.

Así, a Praza da Ferrería inaugurará o vindeiro mércores 16 de outubro ás 16.30 horas, co gallo do Día Mundial da Alimentación, a mostra formada por sete cubos, seis deles con lemas e imaxes deseñados polos artistas participantes e outro cunha mensaxe da concelleira de Benestar Social, Paloma Castro.

A exposición inaugurarase na Praza da Ferrería o vindeiro mércores

"Esta exposición enmárcase no programa de actividades de sensibilización e visibilización organizadas polo Concello con motivo do Día Mundial da Alimentación ao que pouco a pouco se foron sumando outras entidades", dixo a edil, que sinalou que paralelamente se levarán outras iniciativas co mesmo obxectivo, como charlas nos institutos.

"Ao comedor de San Francisco acoden ao redor de 125 persoas diariamente", "Na vivenda de apoio ao tratamento da asociación Rexurdir Provincial viven 4 persoas", "A asociación Rexurdir e a Cáritas acoden unha media de 65 a 75 persoas ao día", "Dez persoas acoden a un obradoiro de San Vicente de Paúl de restauración de mobles", "No programa de axuda alimentaria e de roupa da Fundación Amigos de Galicia, Cáritas, Club de Leones e Rexurdir Provincial hai unhas 650 familias" son só algunhas das frases que se poderán ler nesta exposición.

REFORZO ECONÓMICO

"A pesar dos progresos acadados, moitas persoas do noso municipio seguen a padecer fame crónica e, mentres tanto, tamén aumentan outras formas de malnutrición como o sobrepeso e a obesidade", subliñou Paloma Castro, que aposta por "facilitar e colaborar coa xestións das organizacións que traballan dentro do noso municipio para que toda a cidadanía poida alimentarse".

A concelleira de Benestar Social comprometeuse ademais a realizar desde o ente local un reforzo económico para mellorar a cobertura das axudas temporais e de emerxencia social no municipio de Pontevedra, incrementar as bolsas de comedores para cubrir ao 100% das familias que se atopan en situación de emerxencia alimentaria, e garantir o cumprimento do dereito á Renda Mínima de Inserción e a Renda Social Municipal.

Comentarios