A arte de Manuel Moldes impregna o Sexto Edificio

O pintor inaugura este xoves a mostra 'Pontevedra Suite', con obras de entre 1983 e 1987, unha etapa da súa carreira moi produtiva na que chegou a pintar uns catro cadros ao mes
Obra efémera realizada por Manuel Moldes a semana pasada na cristaleira do Sexto Edificio
photo_camera Obra efémera realizada por Manuel Moldes a semana pasada na cristaleira do Sexto Edificio

"Son recordos da infancia, vivencias personais e máis cousas; todo mesturado na cocteleira da miña cabeza e que logo saen a fóra en forma de pintura", explica o pintor pontevedrés Manuel Moldes (1949).

O artista inaugura hoxe ás 20.00 horas a súa exposición Pontevedra Suite no Sexto Edificio do Museo. Na mesma, recupera obras que foron realizadas entre 1983 e 1987, unha etapa moi produtiva para Moldes. "Nese tempo chegou a pintar uns catro cadros por mes. Aquí, non están todos, só unha selección", explicaba hai uns días o comisario da mostra, Ángel Cerviño. No acto de inauguración actuará o músico Xocas Meixide.

A mostra reúne arredor de 40 obras, moitas de gran dimensión, que ocupan as tres salas da planta baixa do Sexto Edificio


A transmutación do Sexto Edificio nun 'universo Moldes' comezou hai xa unha semana, cando o artista pintou a cristaleira do inmoble para darlle un toque persoal ao mesmo. Unha grande pintura asinada polo autor pontevedrés recibirá ao longo de todo o verán aos visitantes que se acheguen para coñecer a mostra. A exposición, na que a cidade de Pontevedra ten especial importancia xa que está presente en todos os cadros, estará dispoñible ata o vindeiro 17 de setembro.

Moldes levaba catro anos sen expoñer cando, en abril do ano pasado, rompeu ese 'silencio' para inaugurar unha mostra na galería About Art. Na mesma, chamada Gabinete do pintor, volvía á pintura figurativa e reflexaba ao home e a muller modernos, con referencias ao mundo dixital, cores fortes e xogando con elementos e materiais alleos á pintura. Tratábase de obras que o autor realizou nos tempos de crise económica. Desta vez, pouco máis dun ano despois, Moldes ocupará as tres salas da planta baixa do Sexto Edificio con obras dos anos 80. A mostra estará composta por 40 obras, moitas delas de grandes dimensións.

 A pintura de Moldes trascende o ámbito local e trata temas máis universais vencellados á reflexión sobre a propia vida


Aínda que a paisaxe de Pontevedra e a vida local sexa unha constante nas obras desta exposición, Moldes trascende o aspecto local e trata temas universais que lle afectan a todos os seres humanos. "O que ocorre nunha vila como Pontevedra non difire moito do que pode ocorrer en calquera outro lugar do mundo. As persoas teñen máis ou menos as mesmas reflexións, os mesmos pensamentos e as mesmas inquedanzas", contaba Moldes na tarde de onte.

Comentarios