Arte que sae do corazón do cole

A EEI de Campolongo vén de gañar un dos premios do IV Concurso de Traballos por Proxectos grazas a unha iniciativa nacida na biblioteca do centro e que converteu aos pequenos alumnos nuns grandes artistas

Ana Malvar, xunto con outra docente e un grupo de alumnos na biblioteca da EEI Concepción Crespo Rivas, en Campolongo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Ana Malvar, xunto con outra docente e un grupo de alumnos na biblioteca da escola. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"É o corazón do cole", asegura Ana Malvar. A directora da Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas, situada en Campolongo, califica así a biblioteca do centro, de donde partiu unha bonita iniciativa que se traduciu nun galardón no IV Concurso de Traballos por Proxectos impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no contexto do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) de Bibliotecas Escolares.

Dos 21 premios concedidos en toda Galicia, a escola pontevedresa recibiu un na modalidade de proxectos de investigación dirixidos por profesorado, dotado con 1.500 euros. O obxectivo, explica a Xunta, era "recoñecer o labor que se desenvolve desde estes espazos para impulsar o uso de metodoloxías activas, a realización de traballos de investigación e interdisciplinarios e a adquisición das competencias informacionais por parte do alumnado". Así mesmo, busca promover cambios no profesorado que faciliten a integración das tecnoloxías emerxentes, a mellora da calidade e a renovación das prácticas educativas.

EEI Concepción Crespo Rivas, en Campolongo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Pequenos artistas, grandes obras é o nome do proxecto gañador, elaborado durante o curso pasado e que tivo como principal protagonista ao alumnado de cinco anos (75 rapaces). "A idea sae da biblioteca pero execútana as tres titoras: María, Esther e Elisa. Empezamos a preguntarnos que sabemos da arte. Tentamos chegar a unha definición sinxela, que moitas veces a dan os nenos. A riqueza é que son casas e alumnos diferentes. Hai quen ten a intelixencia artística, quen ten a lingüística... Este proxecto non existiría sen un equipo docente que ten vontade de traballar", subliña Malvar.

desde 2008. En 2008 creouse a biblioteca, que naceu co problema da falta de espazo. Pero carecer dunha aula específica traduciuse nun espazo educativo aberto, "sen límites", que engaiola a quen entra no vestíbulo e que se prolonga por corredores ata as propias aulas. Pero este "corazón" non só ten o obxectivo de fomentar a lectura, senón tamén de incentivar a investigación. "A pesar da idade dos alumnos toda esta estantería -sinala Malvar- é de consulta e os libros están catalogados como nas bibliotecas de maiores: Ciencias Sociais, Medio Ambiente, Astronomía, Botánica, Zooloxía, Belas Artes...".

Un equipo de profesoras, coordinado por María González, encárgase de xestionar a biblioteca. Os alumnos de tres anos levan a mochila viaxeira, os de catro comezan o préstamo na Semana do Libro e os de cinco fan o préstamo formal todo o curso, "para que se vaian afacendo a ser usuarios auténticos". Ademais, resalta a directora, "aprenden a gardar e catalogar os libros coa catalogación universal, pese a que teñen tres, catro e cinco anos".

EEI Concepción Crespo Rivas, en Campolongo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O proxecto presentado ao certame está relacionado, precisamente, coas artes. "Xorde desde a biblioteca, que leva ás aulas todos os libros de arte, e os nenos buscan o autor sobre o que queren investigar". Despois de traballar sobre artistas como Van Gogh, Miró ou Hervé Tullet, o elixido foi Matisse. "Sempre que propós un proxecto, a primeira fase é a busca da información, despois seleccionan o que queren saber e na clase fan un mapa conceptual ou un traballo, como o gañador, que se pode consultar na web da escola. Tamén se integra con outras iniciativas do centro, como o portfolio de Inglés. "Traen o seu cadro favorito e fan unha exposición. A familia tamén colabora". "Empezaron pintando as coroas dos aniversarios como obras de arte ao estilo de Hervè Tullet, con distintas técnicas: pintura, tiza, collage, ceras, estampación, punteado, soprando, a figura humana en distintas proxeccións, o retrato, o autorretrato, o bodegón...", explica. A iniciativa inclúe, ademais, actividades como unha visita ao Museo de Pontevedra e a presenza na escola de artistas como a pintora pontevedresa Sonia Omil.

O proxecto é trasversal. Así, a vea artística tingue toda a actividade, xa sexan as manualidades de Samaín, do Magosto ou do Nadal. Nalgunha aula tocaron todas as artes, desde o cine á literatura, pasando pola música. "Ata fixeron un tramatropo". Coñecen as sete artes e fixeron esculturas con material de refugallo. "Expoñen e as outras clases van velos. Están nos corredores e veo todo o cole. A desvantaxe de non ter espazos tradúcese na vantaxe de que todo sae á luz: os traballos, a biblioteca...". Malvar apunta que tamén está integrado o equipo de Normalización Lingüística "e o problema máis grande que temos é que non hai libros de arte en galego".

Comentarios