Domingo. 17.02.2019 |
El tiempo
Domingo. 17.02.2019
El tiempo

Artistas artesás e autónomas

Andrea Area, no seu estudio en Portonovo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Andrea Area, no seu estudio en Portonovo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Andrea Area, Abi Castillo e Carolin Sertal son tres mulleres creativas que por distintos momentos acabaron por lanzarse á aventura empresarial

Andrea Area estudou Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e hoxe ten o seu propio estudio creativo en Portonovo, no que ofrece servizos que van desde o deseño gráfico ata a realización de vídeos e spots, pasando pola fotografía.

En 2016, Andrea traballaba en montaxe para unha produtora contratada pola TVG e viuse obrigada a facerse autónoma. "Unha vez que xa estaba dada de alta como autónoma, decidín ir adiante sen medias tintas e tirarme de todo á piscina", explica Area. "Comezando xa a ter unha carteira de clientes era menos arriscado, pero foi igualmente moi duro. Foi probar sorte, tirando sobre todo da páxina web e das redes sociais", engade.

"Ao principio, o 80% do meu traballo era de vídeo, non facía case nada de deseño, pero cando comecei a facer papelería para vodas, iso foi un boom que me lanzou ao mundo do deseño gráfico, que agora traballo moito e sobre o que agradezo ter aprendido no meu ano de Erasmus en Roma". E é que agora Andrea ofrece un pack moi completo para os eventos nupciais, que inclúe desde a elaboración do vídeo ata o deseño dos convites, da minuta ou do seating plan. A isto súmase, en ocasións, o traballo como auxiliar da empresa de fotografía contratada para a voda. Comezar este tipo de traballo, que cualifica de "precioso", fíxoa iniciarse tamén no mundo das comuñóns, tamén cun amplo servizo que inclúe o deseño dos convites, a fotografía e o vídeo.

"A cidade satúrame, eu reivindico que se faga actividade económica no rural e que volvamos ás raíces", di Andrea

"Estou moi contenta con como me está indo agora, pero incluso se o negocio continuase triunfando non sei se valoraría moverme de Portonovo a unha cidade. Estar aquí achega un relax que necesito para nutrir a miña enerxía creativa. A cidade satúrame, eu reivindico que se faga actividade económica no rural e que volvamos ás raíces. Unha das cousas que máis aprecio e ter cada vez máis clientes locais", declara Andrea. "Ademais, aquí teño a sorte de estar co meu can, que parecerá unha parvada pero é como o meu fillo", engade cun sorriso de tenrura.

Area, que traballa tanto para particulares como para empresas e institucións públicas, afirma que, malia a enorme importancia que lle concede a ter visibilidade en Internet, "o que mellor funciona é sen dúbida o boca a boca, que dun cliente me xurdan outros novos". "A maiores diso, a web (andreaarea.com) funcióname moi ben como escaparate, igual que a sección de papelería que teño en "bodas.net". Co Facebook tiven bastante tirón pero agora nótase un gran baixón na actividade, percíbese que está morrendo bastante. É en Instagram (@andrea.area.video) onde estou conseguindo un aumento do público e por onde me están saíndo ultimamente máis clientes", agrega.

Andrea tamén explica que unha constante no traballo dos autónomos artesáns é a precariedade, en parte derivada dunha minusvaloración das profesións creativas. "Queda moito camiño por percorrer en España para a profesionalización dos oficios artísticos. A suba de tarifas con respecto ao primeiro ano, no que as tiña máis baixas co obxectivo de darme a coñecer, para equiparalos ao prezo de mercado, como acontece en tantos novos negocios, no meu sector moitos clientes non o entenderon, e cheguei a perder algúns", afirma con pesadume. "En moitas ocasións teño que explicar que o meu traballo non é só aparecer e gravar un vídeo, senón que este require dunha planificación previa e dunha edición posterior que tamén son horas traballadas, e que teño gastos de embalaxe ou de mantemento do estudio", engade.

"Desde logo, a tendencia ao pragmatismo no sistema educativo non axuda nada, non se dá valor ás materias que fan que o imaxinario do alumnado medre, e iso reflíctese despois en que non vexamos os oficios artísticos como algo serio. Está claro que hai que mudar moitas cousas de arriba para reverter a situación actual", declara.

Abi Castillo. ILUSTRACIÓNS E CERÁMICA

Abi Castillo, xunto a unha das súas obras. INSTAGRAM

Desde pequena, a Abi Castillo sempre lle encantou pintar, unha paixón que nunca abandonou ao longo da súa vida. Estudou, de feito, a carreira de Belas Artes en Pontevedra e tamén Deseño de Interiores na Escola de Deseño Aula D de Vigo.

Hai máis de seis anos, comezou a darse a coñecer a través das redes sociais expoñendo as súas ilustracións usando o pseudónimo Lilabi. Un mundo, o das redes, que di que "non me entusiasma, pero é necesario para visibilizarse". Dous anos despois, coincidindo coa época na que ía afianzando unha clientela ampla, lanzouse ao mundo da escultura en cerámica: "A miña intención era a de darlles volume aos personaxes que creaba no papel. Quería velos cobrar vida", explica. Na pintura, Abi traballa tanto por encargo como vendendo obras que elabora sen solicitude previa, pero na escultura cínguese a esta segunda modalidade. "Cozo as pezas de cerámica nun forno comunitario en Vigo, o cal por suposto ten as súas limitacións. Ademais, a escultura é un proceso lento no que non se pode meter présa, e resulta difícil adaptarse aos tempos dos clientes".

"Sígueme sucedendo que a xente me pide ilustracións pretendendo non pagalas, co cal demostran que non aprecian o traballo que fago", declara Abi

 

Na ilustración, Castillo ten un estilo propio "que me supuxo moitos anos destinados a crealo". "Xorde da miña propia limitación á hora de reproducir a realidade, e de atopar moita máis satisfacción e creatividade facéndoo á miña maneira e reproducindo os meus mundos interiores, usando moitas cores e tendo o meu xeito particular de representar as caras e de percibir as liñas, as luces e as sombras",

O traballo artístico é a fonte de ingresos principal de Abi, que complementa dando clases particulares "para axudar a cubrir a cuota de autónoma -coa que ás veces podo ir algo xusta-, para así quedarme máis tranquila". Coincide con Andrea Area en que non se concede ás profesións creadoras o valor que merecen: "Sígueme sucedendo que a xente me pide ilustracións pretendendo non pagalas, co cal demostran que non aprecian o traballo que fago", declara. "Noutros oficios valórase moito a formación, pero con nós parece que non se aprecian os anos dedicados a practicar, construír o noso estilo ou afianzar unha forma de traballar rendible".

Abi Castillo, ademais dos cadros e esculturas que expón nas súas redes sociais (Instagram: @lilabi) e dos pedidos que recolle no enderezo [email protected], ten elaborado murais e outros traballos de "pintura exterior", e acumula algúns encargos destacados, como o de ilustrar o conto "O corazón tecido de Catarina", de Ruth Oliveira coa Editorial Elvira, ou o de elaborar o cartel das Letras Galegas 2018 para a editorial Galaxia.

Carolina Sertal. PINTURA FEMINISTA

Carolina Sertal rodeada de varias das súas obras. JOSE LUIZ OUBIÑA

Carolina Sertal é unha xornalista que se iniciou nas clases de pintura aos tres anos. Non foi ata que comezou a carreira cando as aparcou, parón que se prolongou durante sete anos mentres tamén empezaba a traballar. Cando quedou no paro decidiuse a retomalas, e coincidindo co embarazo da súa cuñada descubriu por internet, buscando "un agasallo orixinal que facerlle", a moda do belly painting (pintura de barrigas).

Despois disto comezou a facer deseños en bodys e camisetas para o bebé, que tiveron moito éxito entre familiares e amigos. Así, decidiuse a rexistrarse como autónoma e a crear unha marca propia, que bautizaría como A saia da Carolina. "Atrévome a pintar en calquera material", declara Sertal. "Fago traballo en téxtil con bolsas de tela, coxíns, bodys ou camisetas, pero tamén pinto cadros ao óleo e algo sobre madeira", agrega.

"O meu estilo é moi colorido, representa a vitalidade e a alegría que interiormente non tiña cando comecei con estas creacións, pola frustración e os problemas que me provocaba estar no paro", lembra. "Nesa época, a pintura foi a miña táboa salvavidas, a forma na que canalicei a miña desilusión e fun quen de atoparme a min mesma", engade cun brillo nos ollos.

"A miña identidade está marcada polo feminismo e pola lingua galega, e gústame reflectilo no que fago", destaca Sertal

 

Con representacións nas que habitualmente aparecen mulleres como Frida Kahlo ou Rosalía de Castro, as obras de Carolina tentan "expresar valores e principios feministas". "A miña identidade está marcada polo feminismo e pola lingua galega, e gústame reflectilo no que fago. Por iso, agás certos encargos, todas as frases dos meus deseños están en galego", explica.

Entre o traballo de Sertal destaca especialmente o belly painting, ou como ela o chama, as barriguiñas. Considera que é unha "forma especial de lembrar o embarazo" e que o momento de pintalas é "máxico". "Moitas veces as mulleres me teñen dito que notan como o bebé se move por onde paso co pincel. Noto que é unha experiencia moi relaxante para elas", explica con emoción. "É do máis bonito que fago neste traballo, xunto con dúas actividades que fixen de forma altruísta, ambas decorando paredes: unha na biblioteca do Centro de Educación Especial de Panxón e outra no Hospital Provincial de Pontevedra", relata. "Encantoume ofrecer aos nenos algo co que se divertiron tanto".

Para Carolina Sertal, a valoración que se concede ao traballo artístico tampouco é a suficiente: "O que eu fago non é a miña principal fonte de ingresos e enténdoo como algo relaxante que non quero converter nunha carga, pero é traballo e require investimento en formación ou material". "Recibín moitas veces comentarios do tipo: a ver cando me pintas algo!. Asúmese que é unha afección e que non se debera pagar polo que facemos", declara.

Artistas artesás e autónomas
Comentarios