sábado. 18.01.2020 |
El tiempo
sábado. 18.01.2020
El tiempo

As finanzas chegan á aula

Alumnado do CIFP A Xunqueira, que recibiu este martes a primeira das sesións formativas. GONZALO GARCÍA
Alumnado do CIFP A Xunqueira, que recibiu este martes a primeira das sesións formativas. GONZALO GARCÍA
O IES Luís Seoane e o CIFP A Xunqueira participan este curso no programa formativo 'Finanzas para mortais'

Aforro, créditos, débeda pública, finanzamento, xubilacións... Son moitos os conceptos económicos cos que o común dos mortais bate no seu día a día chegada a maioría de idade pero que pasan practicamente inadvertidos no sistema educativo. Ata agora. Porque dous institutos de Pontevedra, o IES Luís Seoane e o CIFP A Xunqueira, participan este curso no programa Finanzas para mortais, una iniciativa que xurdiu froito da colaboración entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Fundación da Universidade de Cantabria para o estudo e a investigación do sector financeiro (UCEIF) e o Banco Santander.

En toda Galicia son preto de 1.400 estudantes de 3º e 4º de ESO e de 1º e 2º de Bacharelato de 42 centros de ensino, dos que 17 pertencen á provincia de Pontevedra, os que están a recibir esta formación. Segundo explica a Consellería esta é a terceira edición deste programa, "pioneiro en toda España", no que 43 alumnas e alumnos do ciclo de grao superior de Administración e finanzas serán os responsables de impartir a devandita formación. Para iso, recibiron preparación por parte dos responsables do Banco de Santander nunha xornada desenvolvida recentemente no CIFP Compostela.

O programa ten como obxectivo "fomentar o emprendemento e a cultura financeira no sistema educativo non universitario como motores da innovación, a competitividade e o crecemento da economía", subliña a Xunta. A actuación está encadrada no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo, Eduemprende.

42 CENTROS EN GALICIA. As actividades nos 42 centros educativos comprenden sesións, talleres e charlas impartidas polo alumnado voluntario de FP xunto con profesionais do Banco Santander. Nelas desenvólvense conceptos como o significado do diñeiro, o consumo e aforro responsables, a renda variable, os créditos e os préstamos, o cambio de moeda e o emprego de tarxetas no estranxeiro, os impostos, a débeda pública, a xubilación, os tipos de financiamento, a cotización á Seguridade Social ou a diferenza entre persoa física e persoa xurídica, entre outros.

A metodoloxía é distinta en función de cada centro. No CIFP A Xunqueira, por exemplo, desenvólvense dúas sesións de hora e media cada unha, nas que participarán 40 alumnos de segundo de varios ciclos que estudan o módulo e Empresa e Iniciativa Emprendedora, quen reciben a formación por parte de persoal do Banco Santander. A primeira foi este martes e a segunda está programada para o vindeiro martes.

No IES Luís Seoane acóllense a outra modalidade, que inclúe o voluntariado. Así, cinco alumnas do CS de Administración e Finanzas participaron o pasado 25 de outubro nunha xornada formativa en Santiago de Compostela e agora serán elas as encargadas de trasladar estes coñecementos ao alumnado de 4º da ESO e de 1º e 2º de Bacharelato, na modalidade de Ciencias Sociais, segundo explicou o docente Francisco Álvarez, quen coordina a actividade. En total son uns 70 estudantes os que aprenderán estes conceptos. "É unha formación moi básica, para que aprendan autonomía financieira e tamén nocións sobre emprendemento, sobre todo para Bacharelato".

Eduemprende. Actúa e atrévete, para FP e ESO
Dentro deste mesmo programa de Eduemprende, o IES Luís Seoane foi seleccionado para participar no progama Actúa e atrévete, que fomenta a iniciativa emprendedora entre o alumnado de FP e de 2º da ESO durante este curso.

As finanzas chegan á aula
Comentarios