"Ás forzas políticas que fagan imposible o Pacto Educativo pasarémoslles a conta"

A Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia celebrou concentracións nas cidades galegas, entre elas Pontevedra, para esixir que se substitúa a Lomce por unha lei de consenso

Durante a concentración na praza da Peregrina, na que destacou a presenza de CC OO e UGT, leuse un manifesto. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Durante a concentración na praza da Peregrina, na que destacou a presenza de CC OO e UGT, leuse un manifesto. OLGA FERNÁNDEZ

"Imos estar vixiantes para que a aquelas forzas políticas que fagan difícil ou imposible un pacto polo futuro dos nosos fillos poidamos pasarlles a conta no momento oportuno", afirmou este martes o presidente da Fanpa e de Confapa, Roxelio Carballo, en clara alusión ás eleccións. Fíxoo na concentración celebrada durante a tarde na praza da Peregrina, convocada pola Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia, que esixe unha lei educativa e de consenso que substitúa á Lomce, á que queren "fóra das nosas vidas".

Á concentración, que se repetiu en varias cidades e vilas galegas, asistiron representantes de organizacións sindicais como UGT, Comisións Obreiras e o Sindicato de Estudantes, así como Escola Viva e Iesga, ademais das asociacións de nais e pais.

Non faltaron tampouco representantes do PSOE local, como Tino Fernández ou Maica Larriba, aínda que, paradoxicamente, este partido, xunto con Podemos, ten abandonado a Subcomisión parlamentaria na que se trataba de negociar a nova lei. Tamén o fixo a Ceapa. "Só quedan PP e Ciudadanos -apuntou Carballo-. Así é moi difícil que poidamos chegar a un horizonte cunha estabilidade normativa e cun sistema que atenda as necesidades dos nosos fillos de aquí ao que vén, unha economía na que será importante redefinir a educación. Para nós é un problema de primeira magnitude".

NEGACIÓN. Deste xeito, insiste en que "esiximos unha nova lei de educación, respectando un consenso social e político sobre os valores que defendemos na educación pública".

A plataforma tampouco descarta levar a cabo mobilizacións nun futuro. "Iremos vendo segundo os acontecementos". Lembra que "desde o principio quixemos ser voluntariosos respecto aos traballos da subcomisión parlamentaria" e que tanto Confapa como Ceapa -as confederacións galega e estatal de ANPA- presentaron propostas para un pacto educativo, "defendendo as nosas posicións pero conscientes de que un pacto require negociación e flexibilidade por todas as partes". Pero agora, lamenta, "vemos que isto se está desfacendo".

O colectivo esixe ademais maior financiamento para educación, a reversión de recortes no ensino e un aumento das axudas para o alumnado, pero, sobre todo, unha lei de consenso que teña en conta a laicidade e a gratuidade.

Comentarios