Así foi a loita veciñal pola traída da auga

O documental A Nosa Auga estréase este venres na discoteca La Luna de balde ás 21.00 horas
Veciños de Cerponzóns no documental 'A Nosa Auga'. ASOCIACIÓN DE VECIÑOS O CHEDEIRO
photo_camera Veciños de Cerponzóns no documental 'A Nosa Auga'. ASOCIACIÓN DE VECIÑOS O CHEDEIRO

Os veciños de Tilve, Leborei e A Bouza, na parroquia de Cerponzóns, lograron o 29 de xullo de 1973 canalizar a auga da traída para tela de maneira corrente nas casas da zona. Este logro supuxo entón un exemplo de loita, traballo, cooperativismo e unión veciñal da parroquia pontevedresa. O documental A Nosa Auga, de Fernando Portela, e impulsado pola Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns, co apoio da Concellería de Desenvolvemento Sostible, recolle a modo de homenaxe como foi ese duro traballo. 

Na gravación de peza documental participaron 13 veciños, pero para a súa documentación, a asociación falou con máis de 170 veciños de Cerponzóns que viviron de primeira man esa construción. "Todos colaboramos. Os rapaces máis novos encargabámonos de facer a limpeza nas zonas onde os maiores non podían acceder", afirma Juan José Esperón, secretario da Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns, quen por aquel entón contaba 12 anos e recorda como "había veciños que tódolos días do ano ían con garrafas de auga á fonte". 

Nos anos 70, a formación das comunidades de augas e "a chegada do plástico, un material que non oxidaba ás tuberías", foron importantes á hora de poñer en marcha o proxecto de canalización da auga da traída cara os grifos das casas. "Desde o monte fixeron unha canalización cara á casa do cura Benito Lariño. Este párroco dixo entón que quería colaborar, e despois da misa organizaba os encontros cos veciños para ver o que había que facer". 

Benito Lariño encargouse, xunto aos habitantes de Cerponzóns, de solicitar ao Concello de Pontevedra a canalización de augas de dous mananciais destinados a uso doméstico. E así, pouco a pouco, foise ampliando a colocación de tubaxes na que cada veciño contribuíu que sabía. "Uns que eran albaneis puxeron os peches e o cemento, houbo mulleres que carrexaron os tubos nos carros das vacas, outros cavaron e sacharon os sucos... Houbo unha unión enorme. Había xente que non estaba de acordo cos outros, pero ao final a necesidade da auga uníaos para o ben común de todos". 

Veciños de Cerponzóns no documental 'A Nosa Auga'. ASOCIACIÓN DE VECIÑOS O CHEDEIRO
Veciños de Cerponzóns no documental 'A Nosa Auga'. ASOCIACIÓN DE VECIÑOS O CHEDEIRO

"Gustaríanos proxectalo nos colexios e IES"

Así, no 1976, o alcalde Queizán inaugurou a traída de augas aos lugares de Bouza, Tilve e Leborei. O secretario da comunidade de veciños, Magdalena Abilleira manifestou a súa satisfacción e a de tódolos veciños por ter auga nos seus domicilios. 

As comunidades de augas de Meán, e Pidre da Costa do Crego e Cava Raposa; a comunidade de augas de Fantosas; a comunidade de usuarios de augas de Meán, a comunidade de augas de Fonte Rouca e Fonte dos Pitos, da Ermida, Chan do Monte e de Lampán, fixeron posible levar a auga corrente a 214 depósitos de casas, o que supuxo un dos avances máis prezados do rural.

Comentarios