Así é o novo mural do 8M en Pontevedra

A artista Nana e a firma Culebra Studio son os encargados de trasladar a un muro de Eduardo Pondal a imaxe central da campaña impulsada polo Día Internacional da Muller
A artista Nana diante do mural do 8M en Eduardo Pondal. DAVID FREIRE
photo_camera A artista Nana diante do mural do 8M en Eduardo Pondal. DAVID FREIRE

Despois de ter que atrasar a súa execución por problemas de intendencia, mal tempo e datas da artista, a Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra puxo esta mañá en marcha os traballos que permitirán plasmar nun muro situado na rúa Eduardo Pondal o mural que reproducirá a imaxe central da campaña impulsada con motivo do 8-M, Día Internacional da Muller (baixo o lema Mulleres. Terra de mulleres, tempo de mulleres). A intervención artística, realizada pola ilustradora e artista mural Nana e a firma Culebra Studio, levarase a cabo nunha superficie duns 40 metros cadrados e exhibirá a potente imaxe coa que se pretende subliñar con forza o protagonismo da loita pasada e presente das mulleres, do feminismo, pola igualdade real de dereitos, liberdades e oportunidades: dúas mulleres unidas, diversas, de distintas xeracións, loitando xuntas e exhibindo sororidade.

As obras de instalación dos andamios, preparación previa do muro (situado á altura do número 3 de Eduardo Pondal) e colocación da pintura base foron supervisadas pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, e mailo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, que compartiron un rato coa artista Nana para que lles explicase as características técnicas e os prazos desta actuación (que rematará de executarse, previsiblemente, este domingo).

Visita da concelleira Yoya Blanco antes do inicio do mural. RAFA FARIÑA
Visita da concelleira Yoya Blanco antes do inicio do mural. RAFA FARIÑA

Segundo subliñou Yoya Blanco, "a intervención seguirá a liña estética da cartelería do 8M e, aínda que xa estamos en abril, como dixen cando se presentou a campaña, a loita pola igualdade ten que ser unha loita diaria, de 365 días ao ano". "En todo caso, vai ser unha obra que quedará de xeito perenne e que será moi didáctica para todos aqueles e aquelas que pasen por Eduardo Pondal camiñando ou en coche", engadiu a edil do PSOE.

"A loita pola igualdade ten que ser unha loita diaria", reivindica a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco

Tal e como indicou Diana Rodeiro (que escolleu o seu alcume familiar, Nana, como nome artístico), esta peza pretende ser "un reflexo de que as mulleres estamos en tódolos oficios, somos válidas para todo e loitamos cada día para que se nos respecte e teñamos as mesmas condicións laborais e sociais". A artista nativa de Ordes explicou que xa está moi acostumada a executar intervencións como esta e que no seu currículo conta con murais "en fachadas laterais de edificios e outras superficies bastante grandes en Vigo, Lisboa, Santiago, Ordes, Carballo, Barcelona... Son xa case 20 anos pintando graffiti".

Formada na EASD Pablo Picasso, Nana conta cunha extensa traxectoria en festivais de arte urbano, exhibicións e eventos tales como o Desordes Creativas, Mad Poster Art, San Fest, Derrubando Muros con Pintura, Violencia Zero, Elas Tamén Pintan, Vigo Ciudad de Color ou Loures Arte Pública, cun estilo colorista e orgánico que fai que a súa obra claramente feminista sexa persoal e inconfundible.

Comentarios