Así será a nova Benito Corbal: beirarrúas máis anchas e menos prazas de aparcamento

Demetrio Gómez mantivo este xoves unha reunión con técnicos municipais e responsables da Policía Local para avaliar os datos de tráfico na rúa e preparar o seu novo deseño

Obras en Benito Corbal. RAFA FARIÑA
photo_camera Obras en Benito Corbal. RAFA FARIÑA

O Concello de Pontevedra ultima o proxecto de mellora de mobilidade na rúa Benito Corbal, unha vez que os servizos técnicos contan cos datos de tráfico da contorna. Enriba da mesa está un deseño que desbota en principio a plataforma única e inclúe a ampliación de beirarrúas, a supresión de aparcamentos libres e a creación de prazas de servizos e carga e descarga.

O concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez, mantivo este xoves unha reunión con técnicos municipais e responsables da Policía Local para avaliar os datos de tráfico en Benito Corbal e preparar o novo deseño da rúa. 

"O primeiro que constamos é que o que funciona ben é o sistema integral de mobilidade, o modelo urbano, non unha medida soa” subliñou Gómez, que deu a coñecer os datos de tráfico para acreditar esta conclusión.

O edil comentou que o pasado Nadal foi "no que mellor funcionou o tráfico en Pontevedra". Só houbo un día (27 de decembro) no que foi necesario realizar cortes e desviar a circulación para garantir a mobilidade.

Respecto á rúa Benito Corbal, os datos recollidos debuxan a seguinte realidade. Por Cobián Areal circulan, en días laborais, unha media de 8.900 vehículos diarios e deles chegan ata Sagasta arredor de 4.900, “perdéndose o resto” polo camiño. E dicir, son coches ou que baixan cara Barcelos, quedan no seu destino (garaxes) ou estacionan na rúa. Tamén se detectou que as actuais beirarrúas non son suficiente anchas para a cantidade de xente que vai por elas.