A Asociación Pont-Up Store asesorará a vítimas de violencia machista

Lores recibiu o sábado a Asociación Pont-Up Store
photo_camera Lores recibiu o sábado a Asociación Pont-Up Store

 A "Asociación para o Emprendemento e a Innovación: Pont-Up Store" iniciará unha colaboración co CIM á hora de asesorar no emprendemento a vítimas de violencia machista.

A entidade, que ten como orixe o "Pont- Up Store: espazo de emprendemento", naceu en Pontevedra co obxectivo de impulsar e apoiar a innovación no noroeste peninsular e especialmente en Galicia. Desde 2014 constitúese como un punto de referencia do novo emprendemento e unha das citas que máis éxito foi sementando na cidade. A día de hoxe, a asociación reúne a distintas empresas co fin de beneficiarse das sinerxías que permiten establecer un hub de economía, así como os estudos de colaboracións noutras áreas. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo o sábado unha reunión coa asociación, que está presidida por Pedro Figueroa, no edificio Redeira de Santa Clara, co fin de escoitar e procurar establecer bases de traballo e colaboración para o futuro próximo da Boa Vila.

O rexedor lembrou que a cidade está sendo elixida como un punto de interese á hora de establecer sedes físicas, como é o caso do Clúster de Ecommerce Galego, situado desde hai uns meses no edificio municipal dos Campos. Lores sinalou que a creatividade, a innovación e as novas tecnoloxías son "parte fundamental da nosa época, e a nosa aposta polo futuro á hora de competir con calidade co resto de empresas e proxectos do mundo". "Na Galiza temos calidade a darlle co pé. Debemos colaborar dentro das nosas competencias, estreitar lazos", dixo.