A asociación Xuntos remata o ano con oito novas incorporacións laborais

Dezasete persoas traballan en empresas pontevedresas que colaboran co programa de Emprego con Apoio

Helga García. DP
photo_camera Helga García. DP

O último trimestre do ano está traendo moi boas novas a varios membros de Down Pontevedra Xuntos. E é que oito persoas usuarias da asociación conseguiron un novo traballo neste último trimestre do 2017. En total, 17 usuarios desta asociación traballan actualmente en empresas da comarca.

É o caso de Víctor Vázquez e Diego Touriño, ós que a empresa Arume contratou como monitores de comedor escolar no CEIP Barcelos e no CEIP Vidal Portela, respectivamente, tras un pequeno período de prácticas.

Tamén nestas datas, como vén sendo habitual desde o comezo do programa de Emprego con Apoio, Distribuciones Froiz contou con dous usuarios de Xuntos para elaborar as tradicionais cestas de Nadal, Antonio Barcala e Diego Fontenla. O segundo, ademais, compatibiliza este emprego co que desempeña como limpador en Ingeniería Sincofa.

David Martínez, pola súa parte, compaxina o seu traballo en McDonalds polas mañás coa súa nova incorporación como persoal de limpeza no complexo deportivo Serviocio, que repite como empresa colaboradora do programa.

MÁIS EMPRESAS.A estas insercións súmanse outras en empresas que decidiron por vez primeira contar nos seus equipos de traballo cunha persoa coa síndrome de Down ou outras discapacidades intelectuais, como é o caso de Panaderías A'Devesa ou Alcampo.

Así, A'Devesa contratou a Helga García para facer promoción dos seus produtos entre a clientela dos seus establecementos. Deste xeito, Helga rota semanalmente polas distintas tendas da cidade en horario de mañá, mentres e pola tarde desenvolve tarefas de limpeza en Arela.

Alcampo, pola súa parte, ofreceulle a Pedro García a posibilidade de incorporarse ao seu persoal de traballo no novo hipermercado que a compañía inaugurou o pasado novembro en Vilagarcía.

O bo facer de Cecilia de los Santos no Coworking Espacio Arroelo foi determinante para que na empresa decidisen prorrogar o seu contrato durante un ano máis.

EMPREGO CON APOIO. Desde o ano 2002, as entidades Down en Galicia desenvolven o servizo de Emprego con Apoio, deseñado para atender as necesidades que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais atopan á hora de intentar acceder ao mercado laboral ordinario.

Este modelo baséase nun sistema estruturado de apoios e acompañamentos para guiar ás persoas demandantes de emprego a través do proceso de inserción socio-laboral e asegurar a súa correcta incorporación ó posto de traballo.

Comentarios