Aspirantes ás oposicións á docencia esixen á Xunta que adíe a convocatoria a 2021

O colectivo Opositor@s Galeg@s cuestiona que Galicia sexa a única comunidade que a manteña pese á dificultade para garantir a saúde
Participantes nas oposicións de Educación celebradas en Pontevedra en 2017. GONZALO GARCÍA
photo_camera Participantes nas oposicións de Educación celebradas en Pontevedra en 2017. GONZALO GARCÍA

"Como van garantir que ninguén se vai contaxiar? Hai especialidades con 2.000 ou 3.000 persoas. Están asumindo uns riscos que non son normais. Deberían adialas por cuestión de saúde". É o sentir de Eva, unha opositora da provincia de Pontevedra que ten marcada en vermello unha data no calendario: o 20 de xuño. Para ese día están convocadas as primeiras probas das oposicións á docencia deste ano, con máis de 3.600 prazas en xogo, e a decisión da Xunta de Galicia de non adialas, tal como fixeron o resto de comunidades autónomas, deixou abraiadas ás miles de persoas que levan meses -ou anos- preparándose para ese momento.

Baixo o nome de Opositor@s Galeg@s, un colectivo de máis de 200 persoas organizado nos últimos dous días a través das redes sociais, e que engloba a profesorado de centros públicos, privados e concertados, fixo público este xoves un manifesto no que esixen á Xunta que adíe a convocatoria para 2021. "Ninguén pode obviar que a Covid-19 alterou as nosas prioridades" e por iso esta "situación excepcional" que se está a vivir esixe que se tomen "medidas extraordinarias", afirman. A primeira debe ser o aprazamento das oposicións do 2020 a xuño de 2021.

Admiten que levan meses de estudo e de diñeiro investido (en academias e preparadores, reducindo as nosas xornadas ou abandonando os seus empregos, ademais de privarse de tempo coas súas familias, polo que son os primeiros interesados en realizar as oposicións. "Pero, na situación actual, é imposible garantir a seguridade e equidade necesaria nun proceso de oposición destas características".

Deste modo, pregúntanse como se impedirá, ante o alto índice de contaxios, a posibilidade de que as persoas opositoras poidan caer enfermas, perdendo a oportunidade de estudar ou presentarse, ou que pasará con quen se contaxie ou se atope en corentena. "Quedarán excluídos?". Tamén se cuestiona o procedemento coas persoas que forman parte de grupos de risco. "Deixarán que compartan aulas con centos de compañeiros?".

EFECTO CHAMADA. Outro dos asuntos máis preocupantes é o previsible "efecto chamada", xa que Galicia é, agora mesmo, a única comunidade española que mantén a convocatoria. "Como pretende frear a Administración o efecto chamada? Como se pode garantir a seguridade ante as posibles aglomeracións?".

Pregúntanse tamén os afectados como vai asegurar a Administración "a nosa saúde mental, ante o estado de confinamento que estamos a vivir", moitas veces tratando de compatibilizar teletraballo e conciliación familiar co estudo, "e a convivencia continuada coa incerteza da celebración destas oposicións?" "E que pasará cos opositores e opositoras de conservatorios de música que deberían estar ensaiando cos músicos acompañantes" e mesmo de que maneira poderán estudar os compañeiros e compañeiras da FP sanitaria que están agora mesmo, en primeira liña, axudando a salvar vidas".

Comentarios