A atención cidadá no Concello reactívase baixo o condicionante da cita previa

► Servizos coma o Padrón e o Rexistro volven estar operativos na rúa Michelena a partir do luns
► A provincia de Pontevedra suma case 15 denuncias diarias pola falta de uso das mascarillas





 
2020082216344024422
photo_camera As dependencias de Michelena volverán funcionar a partir do próximo luns. CEDIDA

As persoas que acudan presencialmente a realizar trámites a partires do luns deberán ter solicitado cita previa. Neste momento, o Concello ten habilitados diferentes sistemas de solicitude de cita previa: por internet, na dirección https://citaprevia.pontevedra.gal/citaprevia/ ou coa aplicación web https:// sucitaprevia.es/miturno/cl/0351007; por teléfono, nos números 986100185 e 986804300; e, de forma presencial, na propia oficina de Atención á cidadanía na rúa Michelena, 30.

Durante a xornada de onte completáron o traslado dos servizos de Rexistro, Padrón de Habitantes e Atención á Cidadanía, que operaban temporalmente na Casa da Luz desde o pasado mes de maio, á planta baixa de Michelena 30. A previsión é que estes servizos estean plenamente operativos nas "novas" dependencias a partires das 8.30 do vindeiro luns.

Na zona de entrada haberá persoal de recepción para realizar o control de acceso, tanto para confirmar as citas de Rexistro e Padrón segundo van chegando, como para dar quendas para o posto de Atención á Cidadanía.

Para confirmar as citas, a maiores do persoal de recepción, tamén se poden utilizar sistemas virtuais, como por exemplo a aplicación web (para citas solicitadas a través da propia aplicación), ou a través da lectura dun código QR que aparece na cartelería nas propias dependencias municipais. Tras confirmar a chegada, a persoa poderá recibir un ticket virtual por sms ou email, ou un ticket físico que imprime o persoal de recepción.

Tanto na zona de acceso como no interior das oficinas están instaladas varias pantallas onde se indica o localizador do ticket e o número do posto ao que debe dirixirse a persoa. Se esa persoa está utilizando a aplicación web tamén recibirá unha notificación cando o seu localizador apareza na pantalla de chamada.

A zona de entrada estará ademais dividida en dous fluxos de circulación, de entrada e de saída, que estarán convenientemente sinalados mediante marcas de distinta cor no solo e delimitados mediante separadores físicos. No interior das oficinas tamén estarán sinalizados os fluxos de circulación con indicadores no solo e todos os postos estarán numerados.

Tras esta reforma, as dependencias de Michelena 30 terán dúas entradas diferenciadas: unha exclusiva para Rexistro e Padrón e outra para o resto de dependencias municipais.

DENUNCIAS. Por outra banda, continúan aumentando as denuncias na provincia pola falta do uso da máscara obrigatoria. Desde a entrada en vigor da nova normalidade, o 15 de xuño, os axentes dos corpos e forzas de seguridade do Estado interpuxeron preto de 1.000 denuncias pola ausencia de máscara, o que se traduciría nunhas quince sancións diarias, que trasladaron ao órgano competente en materia de sanidade pública na comunidade autónoma.

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, mantivo onte un novo encontro por videoconferencia cos mandos da Garda Civil e da Policía Nacional na provincia para supervisar as actuacións destes corpos en materia de loita contra a Covid-19 e a aplicación das novas medidas ditaminadas pola Xunta de Galicia. No encontro telemático estaban presentes o coronel xefe da Garda Civil de Pontevedra, Simón Venzal, o comisario xefe de Vigo, Carlos Valcárcel, e o comisario accidental do Corpo Nacional da Policía de Pontevedra, Camilo Loureiro.

Durante a xuntanza, Larriba destacou a colaboración da Subdelegación e dos corpos e forzas de seguridade do Estado coa Xunta para facer cumprir a normativa aprobada pola comunidade autónoma o pasado 12 de xuño.

Na reunión, Larriba planificou xunto aos mandos policiais os operativos que serán necesarios para seguir mantendo a vixilancia e o control das principais zonas de ocio na provincia, en especial durante as fines de semana. Estes operativos centraranse principalmente nas grandes cidades, e tamén naquelas vilas da provincia que con motivo do verán ven incrementada a súa poboación coa presenza de turistas e xentes foráneas.

Comentarios