Parece que xa non hai volta atrás. O Ateneo de Pontevedra entregou este xoves as chaves do seu local no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal. Un acto ao que acudiron decenas de persoas para mostrar o seu apoio a este colectivo.
"A reflexión que queremos facer é de optimismo. Non necesariamente de agravio, nin de enfado nin de molestia.
Consideramos que esta foi unha decisión equivocada por parte da Xunta de Galicia pero o Ateneo vai continuar na mesma liña na que mantiñamos. Cunha cultura cidadá, unha cultura aberta, todo o inclusiva que se poida entender, e cunha cultura de rigor e que traballe sobre a actualidade, sobre o presente e sobre a realidade", apuntou o seu presidente, Xaime Toxo.
O portavoz da entidade recoñeceu non ter aínda un novo local onde poder seguir coa súa actividade. "Temos algunhas ofertas pero son todas provisorias. Nos próximos meses intentaremos atopar un local que podamos utilizar como unha sede permanente", afirmou.
Toxo recordou que o colectivo ten en marcha un recurso contra a decisión que tomou a administración autonómica, o cal vai ser levado a cabo polo avogado Vicente García Legísima.
"Presentarémolo en prazo pero non temos moita confianza en que teña un recurso positivo para o Ateneo de Pontevedra", recoñeceu o presidente, que insistiu en que está habendo "moitísima ignorancia, soberbia e prepotencia" por parte dá Xunta de Galicia.
"Dende que soubemos a noticia todo foi un torbillón de acontementos. Sobre todo cunha batalla social e mediática", señalou Toxo. Así é todo, "non temos esperanza en que o recurso teña recorrido, máis aínda despois de ler o comunicado da Xunta, que viu esta decisión como un ataque".
A decisión da institución autonómica foi definida como "sumamente arbitraria e subxectiva", ademais de que para o colectivo pontevedrés, está "baseada en supostos motivos técnicos que non teñen ningunha razón de ser".
"Intentan escudarse neses supostos motivos técnicos que teñen que ver con asociacións que son dun ámbito ideolóxico sumamente conservador e que teñen unha tendencia ideolóxica moi clara. Esa é a a cultura que quere practicar a Xunta, é como unha parodia e molesta aínda máis porque intentan xustificar este desaloxo do Ateneo dun local", asegurou Toxo.
En relación á cultura que hai actualmente na capital da provincia, o presidente desta entidade afirmou que "na cidade ultimamente se está facendo unha cultura de escaparate, de festa, de eventos relacionados co ocio. Iso non é cultura, é ocio ou diversión. A cultura é outra cousa".
No acto de despedida, Toxo leu un manifesto e os presentes puideron desfrutar unha intervención poética con Carmen Quinteiro e Ana Corzo.
As obras elixidas foron o Reglamento do Ateneo, do ano 1966, e o folleto do mítico concerto de José Afonso en Santiago de Compostela, no que se estreou o Grándola Vila Morena.