A AuGAL celebrará a súa 11ª edición en Pontevedra e no seu formato habitual

Celebraranse seis sesións sobre os filmes Malencolía, Cuñados e Valentina, as curtas de Shorts from Galicia e do alumnado de audiovisuais, e os programa Zigzag e Desmontando Galicia
Un fotograma de la película 'Malencolía', de Alfonso Zarauza. OUFF
photo_camera O luns 15 de novembro comezarán as actividades, cunha sesión na que Alfonso Zarauza compartirá a súa experiencia ao respecto con 'Malencolía', o seu último traballo. OUFF

A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo colaboran un ano máis na organización de AuGAL, Master Class do Audiovisual Galego, que celebra a partir do 15 de novembro a súa 11ª edición e recupera o formato orixinal de encontros con recoñecidos profesionais do sector arredor da proxección das súas obras. O programa, para o que acaba de abrirse o prazo de matrícula, desenvolverase arredor de seis sesións que terán lugar ata mediados de decembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.

AUGAL

As actividades para o curso lectivo 2021-2022 foron presentadas no mediodía deste martes na Casa das Campás da capital do Lérez coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, en representación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Interviñeron, así mesmo, o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto; a decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres, e o profesor Paulino Pérez, coordinador de AuGAL xunto con Miguel Anxo Fernández.

O responsable de Industrias Culturas da Xunta destacou este regreso da master class á súa estrutura habitual, tras unha décima edición que tivo que ser aprazada ao pasado mes de maio e adaptar o seu formato para aos condicionantes sanitarios impostos pola pandemia. 

Nomes recoñecidos e novos creadores

Subliñou tamén o carácter divulgativo de AuGAL como plataforma para difundir o proceso de creación e produción das obras cinematográficas e televisivas con selo galego, tanto entre os propios profesionais como entre o alumnado que proximamente pasará a formar parte deste sector. Ao tempo, dáselles visibilidade aos novos creadores con sesións específicas centradas nas curtametraxes.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, salientou o carácter divulgativo do curso como plataforma para difundir obras cinematográficas e televisivas con selo galego 

Esta undécima edición arrancará o luns 15 de novembro coa sesión titulada Como facer unha longametraxe en dúas semanas, na que o director Alfonso Zarauza compartirá a súa experiencia ao respecto con Malencolía, o seu último traballo.

A xornada do mércores 17 estará centrada en Cuñados, primeira longa cinematográfica de Portocabo, co gallo de analizar o proceso de escrita e desenvolvemento do seu guión da man de Araceli Gonda.

Os traballos seleccionadas na última entrega de Shorts from Galicia, catálogo editado anualmente pola Xunta para a promoción das curtas galegas, serán os protagonistas do encontro do luns 22. Nel proxectaranse A loba, de Iria Silvosa; Augas abisais, de Xacio Baño; Homeless Home, de Alberto Vázquez; Os corpos, de Eloy Domínguez, e La penumbra, de Dani Viqueira, abríndose a continuación un coloquio cos directores.

A última sesión de novembro estará dedicada á análise de dous espazos de Televisión de Galicia coa participación de María Solar, coordinadora dos programas culturais da CRTVG e presentadora de Zigzag Fin de Semana, e de Marcos Barrios, produtor e director de Desmontando Galicia.

Xa en decembro e baixo o título A canteira da FCSC, o luns 13 terá lugar a proxección das curtas realizadas polo alumnado de Comunicación Audiovisual de Pontevedra durante o curso 2020-2021, mentres que o mércores 15 se celebrará a sesión de clausura coa conferencia Valentina, animar en Galicia impartida por Chelo Loureiro, responsable de Abano Producións e directora desta longametraxe. 

Como en anos anteriores, a Master Class do Audiovisual Galego está dirixida tanto a estudantes como a profesionais do sector. A matrícula é gratuíta e a adxudicación das prazas realizarase por orde de inscrición na secretaría do curso.

Balance
En dez anos, máis de cen profesionais
Sutil fixo balance do percorrido desta iniciativa, que nas dez edicións anteriores permitiu a presentación de case 70 proxectos de diferentes formatos por parte dun centenar de profesionais, coa participación de preto de 1.500 estudantes. O director da Agadic salientou tamén o positivo de que Augal poida desenvolver de novo unha "edición que podemos considerar normal, con esta variedade de proxectos", despois de que a anterior, que se levou a cabo en maio deste mesmo ano, fose un monográfico dedicado á serie Hierro.

A decana de Ciencias Sociais, Emma Torres, destacou o "compromiso co audiovisual galego" desta Máster Class Audiovisual Galego, que contribúe a facer da facultade "unha bandeira" dun "sector estratéxico". Así, incidiu no "orgullo" que para o centro supón "a cada vez maior presenza dos nosos egresados e do propio estudantado no panorama audiovisual galego, nacional e internacional". De feito, máis aló da sesión dedicada á canteira, os titulados "están presentes en case todos os proxectos" de Augal.