A Aula Castelao aspira a converter a idea do común nunha "vacina contra a inmoralidade"

A Semana Galega de Filosofía bota a andar en Pontevedra ante un Teatro Principal ateigado para escoitar á pensadora feminista Silvia Federici

Silvia Federici en la Semana Galega de Filosofía. TWITTER(@verdessfritas)
photo_camera Silvia Federici na Semana Galega de Filosofía. TWITTER(@verdessfritas)

A sociedade precisa folgos. "O país, o estado e incluso o mundo están collendo uns vieiros tan aterradores que precisabamos atopar unha vacina contra a inmoralidade e a desmoralización cunha temática que nos moralizase e encamiñase cara a decencia social e persoal". A Aula Castelao atopou esa temática no común, segundo explicou onte, na inauguración da XXXV Semana Galega de Filosofía, a presidenta do colectivo organizador, Ana Regueira. Xunto a ela encargáronse de abrir as xornadas, que se prolongarán ata o venres no Teatro Principal de Pontevedra, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal; o responsable da área de Cultura da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, Manuel Morquecho, e Alberto Lastres, do Colexio Provincial de Avogados.
 
Centos de persoas ateigaron o patio de butacas do Principal para asistir á conferencia inaugural da Semana, que correu a cargo da profesora e pensadora feminista Silvia Federici. Media hora antes da súa intervención había cola para acceder ao recinto. A autora fixo unha férrea defensa da idea do común para relacionalo posteriormente co pensamento feminista e o papel da muller. "El concepto de lo común, considerado hasta hace poco arcaico, hoy se está revitalizando y ofreciendo una forma alternativa al capitalismo, que está destruyendo el planeta y las relaciones humanas", indicou Federici ao comezo da súa intervención.
 
A primeira xornada da Semana continuará pola tarde coas charlas do arqueólogo e feirante Xosé Lois Vilar e coa historiadora portuguesa Irene Flunser.

Comentarios