"Aulas Galegas naceu para a corentena pero veu para quedar"

500 profesores contactaron co portal web de contidos educativos en galego que puxo en marcha un grupo de docentes para paliar os efectos do confinamento
Un dos proxectos de Aula Galega. DP
photo_camera Un dos proxectos de Aula Galega. DP

O pasado 16 de marzo nacía o portal Aulas Galegas da man dun pequeno grupo de profesores e profesoras que pretendía poñer a disposición da comunidade educativa recursos para traballar durante o confinamento. "Cando se cancelaron as clases pensamos que ó mellor facía falta axudar aos profesores e aos alumnos a atopar materiais que seica non fosen tan académicos e fosen algo máis lúdicos e entretidos", conta a ideóloga do proxecto, Pilar Ponte, que nunca imaxinou que o que empezou como unha reunión duns cantos amigos unidos pola súa vocación docente, dous meses máis tarde e grazas ao boca a boca, contaría con 500 consultas de profesores e alomenos 45 colaboradores só no departamento de Educación Infantil. "Vimos a sumar o que xa había relacionado con contidos doutros portais educativos. A diferenza é que nós ofrecemos contidos de todos os niveis e para todas as materias en galego", engade Pilar.

Canda esta profesora do IES da Pobra do Caramiñal, comenzaron a traballar coordinando as áreas de Infantil Cristina Rodríguez e Lorena Pita, mestras na comarca de Ferrolterra. Nun encontro telemático, relatan que o seu obxectivo foi desde o primeiro momento "colaborar coas familias achegándolles contidos lúdicos, fáciles de facer, que impliquen aos cativos, que non sexan simplemente expositivos. Que os nenos fagan algo que logo vexan o produto final o que fan. E sobre todo que sexan divertidos", di Cristina. "A medida que foi avanzando o tempo de confinamento os nenos demandaban un contacto que non tiñan". "É complicado estar traballando na distancia sen que se aburran, sen sentir a monotonía e que teñan unha intención de seguir traballando divertíndose. Traballamos, pero xogando. De tres a seis anos é moi manipulativo", engade Lorena.

Pilar Ponte

 "Teremos que analizar como queremos que sexa Augas Galegas xa non só para o tempo de confinamento"

PilarAulas Galegas é un proxecto de orixe vocacional. Tal e como conta a súa coordinadora, abriuse como unha actividade sen ánimo de lucro que pon en marcha o profesorado a nivel privado e tralo confinamento continúa así, aínda que as tres docentes destacan a boa acollida que ten por parte das institucións.

"Dentro de Aulas Galegas hai profesorado que ten que tirar para adiante coas súas circunstancias e as súas propias familias", sinala Lorena. "Somos unhas persoas que nos embarcamos alá co que nos boten diante, logo tirámonos dos pelos, pero seguimos adiante. É vocacional", subliña.

Pola súa banda, Pilar Ponte, que pon en valor o "excelente traballo" das súas compañeiras ("déixanse a pel no proxecto"), conta como evolociounou a iniciativa. "Cando isto empezou pensei que ía facer isto cos meus amigos, nunca pensei que o iamos facer con persoas que non coñeces de nada pero que ves que teñen os mesmos intereses ca ti, polo medio tivemos casos de persoas que tiveron que afastarse, dar un paso atrás polas súas circunstancias. Hai un bo rollo, aquí, propoñas o que propoñas, todo parece ben. Na canle sempre vas a topar alguén que te axude. Iso na vida real non pasa", manifesta a coordinadora do portal educativo.

Lorena Pita

"Embarcámonos no que nos boten diante, é vocacional"

LorenaPontevedra está moi presente neste proxecto. Non só polas actividades promovidas desde os distintos centros da cidade. As profesoras subliñan que, entre outro material de traballo, contan coa colaboración da editora pontevedresa Kalandraka TV. Cristina destaca un traballo realizado a partir dun conto sobre as pontes da Boa Vila e subliña ademais a presenza de recursos relacionados co Museo de Pontevedra entre as accións que levan a cabo desde os centros educativos, así como un calendario competencial impulsado pola Deputación de Pontevedra.

SETEMBRO. Á pregunta do millón, que pode pasar en setembro?, Pilar, Lorena e Cristina responden con "máis Aulas Galegas". "Haberá que volver nalgún momento ao cole, e iso vai ser complicado, o que máis nos preocupa é que os nenos estean seguros. Preocúpame porque eu persoalmente son responsable dos nenos que temos na aula. É unha situación difícil de levar", explica Cristina.

"Eu son positiva e creo que máis pronto que tarde imos volver a certa normalidade", puntualiza pola súa banda Lorena. Aulas Galegas seguirá. Así o deixa entrever a súa coordinadora. Pilar Ponte recoñece que aínda que "inicialmente Aulas Galegas naceu para o confinamento, pero o sentir xeral é que a maioría quere seguir". Estas tres docentes consideran que sería unha verdadeira mágoa "perder este punto de encontro de todas as materias e niveis en galego que temos neste intre".

Cristina Rodríguez

"Volver vai ser complicado, o que máis nos preocupa é que os nenos estean seguros"

MaríaAsí, nos vindeiros días os integrantes desta exitosa aposta educativa manterán unha reunión na que se decidirá se o proxecto ten continuidade tanto no verán como o vindeiro curso e de que maneira se artella. "Teremos que ver como queremos que sexa Aulas Galegas xa non só pensado só para un tempo deconfinamento. Neste momento hai moitas cousas por decidir", conclúe Pilar Ponte.

Comentarios