Auténticas tecedoras do cambio

Algunhas das fotografías que se puideron ver na exposición, no Pazo Provincial. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Algunhas das fotografías que se puideron ver na exposición, no Pazo Provincial. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A HISTORIA cotiá das coidadoras, das nais, as labregas, as vendedoras, as estudantes ou as mariscadoras non adoita encher as páxinas dos xornais nin os minutos dos telediarios. Moito menos cando esas mulleres viven e traballan en zonas rurais ou en vilas humildes de América Latina, África ou Asia. As súas historias case nunca trascenden fronteiras nin chegan sequera máis alá dos espazos nos que habitan. A pesar dese silencio, elas son as que o sosteñen todo ao seu arredor, son as que mudan o mundo, e por iso a Deputación de Pontevedra, a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento e o Concello de Santiago quixeron que a súa loita por unha vida digna cruzase un océano ou viaxase milleiros de quilómetros para darse a coñecer en Galicia.

Tecedoras do cambio é o nome da exposición que amosa a historia de 23 lideresas comunitarias e que ata este mércores púidose visitar no Pazo Provincial.

Dúas lideresas indíxenas inician unha xeira para falar da súa loita

"Quero seguir cos meus estudos e ser médica para curar á xente da miña aldea", di Fadila, unha rapaza de 15 anos de Koudougou, unha aldea de Burkina Faso onde ela é unha das poucas mozas que segue estudando. Alí é habitual que as adolescentes deixen de ir á escola para casar, pero Fadila negouse a aceptar ese destino. Sae da casa ás seis da mañá e durante unha hora percorre en bicicleta o camiño ata o colexio, unha viaxe que repite cada noite para volver ao seu fogar. Así é como cursa terceiro de Secundaria co obxectivo de facerse doutora.

A súa é unha das realidades que compoñen esta mostra, ao igual que a de Ana Celia Miranda, axente de medicina tradicional e defensora dos dereitos das indíxenas e afrodescendentes no seu municipio nicaragüense; a da pescadora hondureña Margarita Velásquez ou a da curilera (mariscadora) salvadoreña Elena Peña, que forma parte dunha cooperativa de mulleres na que sensibiliza sobre cuestións vinculadas coa igualdade de xénero na súa comunidade. Tamén a de Sara Esther Torres, dirixente comunitaria en Perú, e a de Asha Bibi, á que obrigaron a casar con 15 anos na súa cidade da India e que aprendeu a ler e escribir con 35 co apoio dunha ONG e a día de hoxe traballa promovendo hábitos de saúde e hixiene básica na súa comunidade.

A listaxe continúa ata completar 23 casos de mulleres valentes e loitadoras, dúas das cales inician este mércores en Pontevedra unha xeira para dar a coñecer a súa loita. Son Juventina López, activista, mediadora de conflitos e guía espiritural de Guatemala, e Ita Xocol, defensora dos dereitos das mulleres k'iche e comunicadora comunitaria. Este mércores estiveron no edificio administrativo da Deputación contando as súas experiencias; o xoves farano na sede da institución en Vigo e o venres na sala Amalia Domínguez Búa de Bueu. O día 27 acudirán á Biblioteca Municipal de Caldas e o día 28 a O Grove.

Comentarios