A importancia da responsabilidade social é o nome do proxecto que o alumnado de FP básica de Servizos Comerciais do IES Luís Seoane ten en marcha estes días cun triple obxectivo: apostar pola sostibilidade, fomentar o estilo propio e recaudar fondos para un proxecto benéfico na República Dominicana co que o instituto leva tempo colaborando. E, de paso, como apunta a docente Mercedes Vázquez, fomenta a autoestima desta rapazada. "É un alumnado especial e haille que dar un tipo de educación diferente para enganchalo ao sistema educativo".
O proxecto consiste nun mercado solidario de roupa de segunda man, no que participan os 15 estudantes deste ciclo, encadrado na familia de Comercio e Marketing. Nos últimos días recibiron doazóns por parte do alumnado e o profesorado do centro e xuntaron máis de 300 prendas de todo tipo, desde suadoiros a blusas ou pantalóns, roupa vaqueira e complementos, para maiores, rapaces e incluso bebés. Cada peza véndese a un euro. Así o contan, a media mañá, Nerea Vázquez, Judith Moraña, Leticia Millán, Nerea Méndez e Carlos Carballa. As dúas primeiras ocúpanse da contabilidade e botan toda a mañá ao pé do posto. Os outros tres fan quendas co resto dos compañeiros.
Explican que a idea xurdiu "en una charla sobre ropa y nos interesamos por el tema", concretamente pola excesiva cantidade dela que se compra e do inxente volume de residuos que produce unha vez se desbota.
Diso dá fe a profesora, que contou coa colaboración doutros docentes para supervisar o proxecto. "A estas idades só pensan en comprar, en marcas... E nalgúns casos con dificultades económicas", polo que este proxecto axuda a conciencialos sobre a importancia de acabar co consumismo e de reutilizar prendas, o que deriva, ademais, nun "estilo propio", pois agora "está totalmente condicionado polas grandes cadeas". Ademais, axúdalles a aprender técnicas de venda e a tratar co público, "como se fora un negocio de verdade". Organizado co gallo do Día Internacional do Medio Ambiente, este mercado solidario continúa este martes e o mércores. Ademais, tanto os fondos recadados como as prendas que non se vendan doaranse á Fundación Solidaridad y el Centro Integral para el Desarrollo Local (Cidel), da República Dominicana, coa que xa ten colaborado o instituto. "Estou moi orgullosa deles e hai que visibilizar o que fan".