Avelino García: "O Concello cumpriu co que dixo: non facilitarnos nada"

O presidente do comité de Elnosa mantén a esperanza de que Costas prorrogue a vida da fábrica en Lourizán para que a empresa faga os investimentos necesarios e retomar así a produción de cloro

Avelino García nunha intervención na Deputación en 2015. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Avelino García nunha intervención na Deputación en 2015. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Elnosa mantén a 44 empregados en Lourizán. Un deles é o presidente do comité de empresa, Avelino García, que leva media vida traballando na factoría, na que entrou en maio de 1999, cando tiña 20 anos. Agora ten 40 e ve o seu futuro e o dos seus compañeiros en perigo.

Cre que Elnosa pechará de forma definitiva o vindeiro 29 de xullo?
Hai opcións para que non sexa así. Costas aínda non se pronunciou e cremos que o seu informe debería ser favorable á continuidade. A empresa debería seguir levando a cabo investimentos aquí, como prometeu. Se non son os comprometidos (40 millóns de euros), polo menos que sexan os suficientes para seguir vinculada a Pontevedra. Somos rendibles e estamos moi próximos á planta de Estarreja. Para eles (CUF) somos fundamentais. Sempre nolo dixeron.

Que di a empresa sobre o futuro?
Tivemos unha conversa telefónica curta. E informounos de que o dito na prensa non era así. Eles non van tomar ningún tipo de decisión ata que Costas non se pronuncie. Quedamos emprazados para unha primeira entrevista con eles o vindeiro 5 de xuño. Aí aclararase todo.

O reloxo non xoga a favor dos traballadores. Cal será a postura a partires de agora?
Nós imos seguir defendendo o de sempre: os nosos postos de traballo ata que poidamos e sexa xuridicamente viable. Tamén entendemos que, dende o punto de vista estratéxico, para o empresario sexa difícil facer un investimento dese calibre (40 millóns) sen un horizonte despexado.

No caso de que Costas permita continuar, que pasos hai que seguir?
A empresa debería pedir a licenza supramunicipal á Xunta de Galicia para poder facer os investimentos para adaptarnos á tecnoloxía de membrana (e recuperar a produción de cloro). Nós sabemos que é complicado. Porque un empresario non vai investir cartos se non ten seguridade. Aínda que non nos gusta nada e non a compartimos, chegado o momento, comprenderiamos a postura da empresa de non investir. O noso obxectivo último é afectar o mínimo posible ós traballadores.

A empresa debería seguir vinculada a Pontevedra. Somos rendibles e estamos moi próximos a Estarreja

Rueda asegurou que a Xunta fixo "todo o posible" porque Elnosa continúe en Lourizán. Que opina?
Eu non son de facer valoracións políticas, pero creo que a Xunta foi a única Administración que se comportou razoablemente. Esixiu á empresa o que tiña que esixir como, por exemplo, na autorización ambiental integrada. Eu non sei se puido facer máis ou non. Non quero botarlle flores a ninguén, pero foron os que, máis ou menos, cumpriron.

E o Concello cumpriu?
O Concello cumpriu co que dixo: con que non nos ía facilitar nada. Son os que máis cumpriron. Nunca variaron a súa postura.

O Goberno local responsabiliza á empresa da súa situación e lembra que Elnosa tería que terse trasladado cando puido. Chega tarde?
O do traslado sempre quedou moi bonito. Rectifico o que dixen antes. O Concello si variou a súa postura. Primeiro falou de peche e cando viu que os traballadores van quedar na rúa falou do traslado. Iso non é posible. É unha hipocresía. Non hai traslado posible. O traslado tíñase que facer hai anos. E por aí, pola Xunta, pasou todo o mundo: o Bloque, o PSOE e o PP. E aquí ninguén fixo nada. Que a empresa ten culpa? Claro. Ten parte de culpa.

Valoráronse algunha vez traslados de persoal de Pontevedra á nova fábrica de Torrelavega?
Ó comité de empresa non se lle propuxo nunca. Cando hai estas situacións é normal que se fagan comentarios na fábrica, pero oficialmente non hai nada. Que pode haber traslado? Non o descarto. Están na obriga de facelo se isto pecha. E logo a xente mirará quen quere ir e quen non. Estamos a 500 quilómetros de Torrelavega.

Non estivemos controlados nin pola empresa nin polo PP, Cando tivemos que ir a por eles, fomos

Cal é a media de idade do plantel?
Hai dúas ou tres persoas, técnicos, que andan polos 60 anos. O resto son traballadores novos, cunha media de corenta e poucos anos.

Que traballos se están a facer agora en Elnosa?
Estase co desmantelamento da zona onde se facía o cloro. O mercurio xa se sacou hai meses. Estamos baixo a supervisión constante da Xunta. É total. Ten que ser, pero ás veces parece excesiva. Estamos con controis a todos os niveis para que se leve todo a cabo como está exposto na Autorización Ambiental Integrada.

E canto se está a producir?
Moi pouco. Todo depende do abastecemento do cloro. Estamos a facer hipoclorito, pero case nada. O único que facemos é a comercialización de produtos, que sempre se fixo.

Retomarán as mobilizacións?
Estamos pendentes do que nos diga a empresa. En principio non temos nada pensado, aínda que non descartamos nada.

Como están os ánimos no plantel?
É fodido. Sobre todo polo que levamos pelexado. Tiramos moito de familiares e de amigos, que sempre estiveron aí. Eu non me arrepinto de nada. Fixemos o que tiñamos que facer. Creo que somos un exemplo sobre como se defende un posto de traballo. Pó- desenos acusar de calquera cousa, pero non estivemos controlados pola empresa nin tampouco polo PP. Cando tivemos que ir a por eles, fomos, e cando tivemos que ir a polo Concello, tamén. Non nos temblou o pulso. Eran os nosos inimigos. Que nos puidemos equivocar? Pode ser. Pero eu non me arrepinto de nada.