Avós e netos comparten un obradoiro sobre a emerxencia climática

O grupo de teatro Chévere, Feitoría Verde e o equipo de investigación da USC SEPA imparten a proposta no local social do Gorgullón
photo_camera Obradoiro sobre a emerxencia climática no local social do Gorgullón. RAFA FARIÑA

Reflexionar, compartir e conversar arredor da emerxencia climática é o obxectivo do obradoiro que acolle o local social do Gorgullón. Impartido polo grupo de teatro Chévere, a cooperativa Feitoría Verde e un grupo da investigación da USC, SEPA, é unha iniciativa interxeracional.

"Buscamos mesturar aos máis novos cos máis vellos", manifestou na presentación da proposta o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña.

"A emerxencia climática. É un dos temas máis presentes da actualidade no mundo. É unha cuestión que ten que estar na mente de todos, ser conscientes á hora de reclamar desde os Gobernos, mais tamén a nivel individual, un cambio nas mentalidades e nas maneiras de vivir e de desenvolver as nosas vidas", explicou Oubiña.

O obradoiro, ademais, afondará na construción de novas narrativas a través do teatro, ferramenta artística perfecta para concienciar e divertir e terá unha vertente educativa e outra que olla cara a investigación científica. En total, entre 15 e 20 persoas, xente moza, veciños e veciñas de diversas idades, están traballando neste espazo desde a semana pasada.

Os responsables do proxecto sinalaron onte que o obxectivo do obradoiro "é imaxinar outros futuros". "O que pretendemos é construír algún tipo de intervención teatral onde sexamos quen de construír un mundo en positivo", manifestou Miguel Pardellas, de Feitoría Verde.

"O que guía o proxecto é que se queremos chegar a un futuro sustentable primeiro temos que ser capaces de imaxinalo. De aí este exercicio que estamos facendo co grupo para ver que se pode facer para dirixirnos", engadiu o representante deste grupo.

Así, o integrante máis novo deste obradoiro, ata o de agora, ten vinte anos e os maiores achéganse aos oitenta. "Intentamos xuntar a persoas maiores máis experimentadas que coñeceron un pasado no que se consumía moito menos coa xeración actual", dixo Pardellas.

A actividade permanece aberta a todas as persoas que queiran participar, as solicitudes poden ser remitidas á asociación de veciños de Eduardo Pondal.

Comentarios