domingo. 25.10.2020 |
El tiempo
domingo. 25.10.2020
El tiempo

As axudas para loitar contra as violencias machistas chegarán a máis de 40 concellos

A reunión de venres serviu para volver a poñer o tema da igualdade sobre a mesa.
A reunión de venres serviu para volver a poñer o tema da igualdade sobre a mesa.
A Deputación destina 230.000 euros para subvencionar proxectos e actividades de sensibilización e para mellorar a atención integral ás vítimas de violencia de xénero

Un asunto tan trascendental como é a igualdade entre mulleres e homes volveu a ser protagonista venres na Xunta de Goberno da Deputación. Trátase da quinta convocatoria desta liña de axudas, que este ano conta con 230.000 euros, 10.000 máis que o pasado ano, e que beneficiarán a 44 concellos da provincia, un máis que no 2019. Neste caso, o Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de subvencións dirixidas aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para este ano 2020. O obxectivo destas subvencións é traballar en estreita colaboración cos concellos para que impulsen e realicen actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria e que loite contra as violencias machistas. Esta cooperación entre institucións é fundamental ó tratarse dos niveis máis próximos á cidadanía e polo coñecemento que estes teñen da súa poboación.

Os concellos que se beneficiarán destas achegas son os de Agolada, Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Covelo, Crecente, Cuntis, Forcarei, Fornelos, Gondomar, O Grove, A Guarda, Illa, A Lama, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Pazos de Borbén, Poio, Pontecaldelas, Portas, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda, Salvaterra, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.

Estas axudas permitirán subvencionar proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; iniciativas das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional contra a violencia machista; ou proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas de violencia de xénero (fillas, fillos e persoas dependentes ao seu cargo).

Tamén terán cabida programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; proxectos encamiñados á mellora da formación e orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; e accións encamiñadas á elaboración do plan municipal de igualdade. Ademais, a través destas subvencións os concellos tamén poderán poñer en marcha a creación de redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, familiar e profesional; actividades dirixidas ao alumnado, profesorado e familiar e profesional; e campañas de difusión e sensibilización á cidadanía en materia de igualdade.

Esta liña de axudas súmase a aquela destinada ás entidades de iniciativa social que traballan a prol da igualdade e que conta este ano cun orzamento de 108.000 euros. Ademais, no mes de xuño a Deputación asinou tres novos convenios de colaboración para a promoción da igualdade real e a loita contra as violencias machistas. Estes acordos foron coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos e coa Asociación Nós Mesmas.

Desta forma, a provincia volve a dar un paso adiante, co apoio da Deputación, no tocante a un asunto tan sensible como o da igualdade.

As axudas para loitar contra as violencias machistas chegarán a...
Comentarios