Baiuca: "Hai que levar os nosos proxectos fóra e demostrar o potencial que temos na casa"

Despois da experiencia que supuxo vivir o golpe de estado en Sudán, Alejandro Guillán, Baiuca, volveu a Galicia para enfrontar tres noites consecutivas na sala Capitol de Santiago e o seu regreso a Pontevedra, tras o concerto que interrompeu a policía nas Festas da Peregrina do ano pasado. Actuará o domingo 14 de novembro no Recinto Feiral.

Tras deixar atrás o proxecto pop que foi Álex Casanova, Alejandro Guillán (Catoira, 1990) marcou un punto e á parte na escena musical galega en 2018 ao poñerse a fusionar música electrónica e tradicional como Baiuca. O seu Olvídame, coas Aliboria, lanzou esta proposta que outras colaboracións, como as realizadas con Carlangas (Novedades Carminha) en Fisterra ou con Rodrigo Cuevas en Veleno, acabaron por converter en estelar. O domingo 14 de novembro (18.00 horas) pechará o festival Que non pare a música! que se celebra esta semana no Recinto Feiral de Pontevedra (entradas: ataquilla.com). 

Alejandro Guillán, Baiuca. ELISABET ENCINAPoucos artistas galegos poden pechar tres datas consecutivas enchendo a sala Capitol de Santiago (11, 12 e 13 de novembro) como fai vostede esta semana. 
Fixémolo así máis que nada por necesidade. Parece que en Galicia xa rematou todo tipo de control relacionado coa pandemia, pero a realidade é que non. No momento no que se indica que hai que gardar distancia de seguridade, condiciónase totalmente o acceso. Non sei que local, que sala de concertos ou que discoteca galega permite ter unha cabida normal con distancia social dentro. A Xunta apuntouse unha especie de tanto dando a entender que todo volvía á normalidade, que xa non había restricións de cabida, pero é un engano. Foi por iso que nos vimos obrigados a engadir unha terceira data na Capitol para recolocar á xente. 

E despois vén a Pontevedra. 
Para min tocar en Pontevedra é sempre especial porque a xente responde moi ben. Máis, nun espazo como ese do Recinto Feiral. Creo que esta iniciativa quere impulsalo e paréceme moi interesante para que poidan xirar por aquí grupos que doutra forma non pasarían por Pontevedra. Agora mesmo esta é a última data de presentación de ‘Embruxo’ en Galicia. 

Foi unha mágoa que a única solución ao que aconteceu nas festas de 2020 pasase por que entrasen os furgóns da policía

A última vez que veu foi ás Festas da Peregrina de 2020. O seu foi o único concerto daquel verán no que tivo que intervir a policía debido á cantidade de xente que se concentrou. Como lembra aquel incidente? 
Era o primeiro concerto que daba en Galicia despois da primeira vaga da pandemia. Facíame moitísima ilusión e estaba sendo un concerto moi emocionante. Foi unha mágoa que o Concello non tivese un protocolo de seguridade máis adecuado. Non podes pretender facer un concerto na Praza de España, acoutar unha pequena parte e agardar que a xente non se concentre arredor. E, despois, tampouco pode ser que a única solución pase por que a policía entre con furgóns. Xa digo que foi unha mágoa que rematara así. 

Acaba de volver co seu equipo de Sudán, onde viviron o golpe de estado militar do mes de outubro. Pasaron medo? 
A verdade é que todo foi moi tranquilo para nós. Simplemente estabamos alí á espera de que se reabrise o aeroporto para poder volver. Penso que foi bastante máis o que se falou aquí do asunto que o que vivimos realmente. 

A Sudán foron despois dunha pequena xira por Latinoamérica (Colombia e Ecuador) onde, a través das súas redes sociais, se puido ver como a xente conectaba coa súa música. Que tal foi esa experiencia? 
Foi unha experiencia moi positiva. Era a segunda vez que viaxaba alá. Xa estivera en México xusto antes da pandemia e a verdade é que a xente conecta moi ben co proxecto. É moi especial que no resto do mundo poidan coñecer a música que fago e a música que temos en Galicia. Eu non son un artista de masas, non me sinto así, senón máis ben alguén que ten repartido público potencial por todo o mundo. Así o vexo cada vez que viaxo. 

Penso que foi bastante máis o que se falou aquí do que nos pasou en Sudán que o que vivimos realmente

Está contribuíndo a rachar prexuízos sobre a música galega? 
Non sei se a xente ten prexuízos ou non coa música feita en Galicia e en galego. En todo caso, a miña proposta demostra que non hai barreiras de ningún tipo e que se pode ir co que facemos a calquera parte do mundo. Dentro dun mes vou estar na sala La Riviera, en Madrid, e teño as entradas case esgotadas. Realmente o que hai que facer dende Galicia é animarse a levar as nosas propostas fóra e demostrar todo o potencial que temos na casa. 

O seu encontro con Adrián Canoura foi determinante no desenvolvemento dun concepto audiovisual para Baiuca. Este mesmo ano gañaron o premio ao mellor videoclip no Festival de Cans por Veleno. 
Adrián é como unha alma xemelga para min. Entendémonos perfectamente entre nós e entendemos da mesma maneira como debe ser a parte visual de Baiuca. Neste traballo, en Embruxo, quería que esta tivese outra dimensión. Era o momento de apostar por crear un videoclip dende cero. Porque este proxecto sempre bebeu da reciclaxe tanto do son como da imaxe. Pero aquí queriamos outra cousa. De aí saíu Veleno. Recibir o premio de Cans foi moi especial. Creo sinceramente que Adrián é un dos mellores cineastas que hai hoxe en Galicia. 

Teño un montón de ideas na cabeza e un montón de horizontes abertos que non sei cara onde me levarán

En Veleno colabora con Rodrigo Cuevas. Un dos seus sinais de identidade é ese: o das colaboracións. 
Gústame conectar con outros artistas e é parte da esencia do proxecto. O meu papel é o de produtor e o de compositor. O de non contar sempre co mesmo vocalista para cantar as cancións é do máis interesante. Na miña discografía hai diferentes timbres, diferentes texturas, diferentes momentos. Para min poder conectar desta maneira con outros artistas é unha marabilla. 

Que momento vive actualmente como creador e músico? Cara onde evoluciona Baiuca? 
Agora mesmo atópome nese momento post-disco no que teño un montón de ideas na cabeza e un montón de horizontes abertos que non sei cara onde me levarán. Así que este é un tempo no que deixarse levar para crear cousas novas.

Comentarios