Baldo Ramos impartirá o novo obradoiro de escrita da AELG en Pontevedra

O poeta e creador ourensán ten colgada agora mesmo a mostra 'Libros con memoria' na sala Nemonon

Carmen Fouces e Cesáreo Sánchez, este xoves, no Concello de Pontevedra. J. CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Carmen Fouces e Cesáreo Sánchez, este xoves, no Concello de Pontevedra. J. CERVERA-MERCADILLO

Os ollos das palabras: poesía para ver é o título do novo obradoiro de escrita que a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) realizará en Pontevedra, en colaboración co Concello. O poeta e creador ourensán Baldo Ramos será o encargado de impartilo, centrándose nesta ocasión na poesía visual. Como convidado impartirá unha clase maxistral Xosé Mª Álvarez Cáccamo.

O anuncio da actividade guiada por Ramos coincide cunha exposición súa, Libros con memoria, na cidade. Poderá visitarse ata o 3 de marzo na sala Némonon.

FORMATO ACORDEÓN. Segundo informou o Concello, os asistentes ao obradoiro elaborarán dous proxectos literarios diferentes: por unha banda, un libro obxecto, confeccionado con materiais (poéticos e plásticos) que xurdan do propio taller e, por outra, un libro colectivo, en formato acordeón, con obras dos participantes.

O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, e a concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentaron este xoves a quinta edición desta actividade, que se desenvolverá no Pazo da Cultura (seminario 8) entre o 16 de febreiro e o 25 de maio (de 18.00 a 20.00 horas, xoves e venres; e de 11.00 a 13.00, sábados).

O obradoiro, que contará con 25 prazas, está dirixido a persoas maiores de 16 anos. A inscrición é gratuíta e poderá realizarse en [email protected].

O presidente da AELG aproveitou a presentación da actividade para referirse a Pontevedra como "a primeira cidade de Galicia na que hai unha escola estable de creación literaria".

Comentarios