Unha banda deseñada en memoria de San Simón

Kiko da Silva coordina o primeiro cómic da Deputación de Pontevedra, unha obra colectiva na que participan 14 autores saídos do Garaxe Hermético
Detalles do anuncio. DP
photo_camera Detalles do anuncio. DP

Regreso á Illa de San Simón é o título da primeira banda deseñada que publica a Deputación de Pontevedra. A obra, coordinada polo debuxante Kiko da Silva, recolle varias historias baseadas no acontecido en San Simón entre 1936 e 1943. O cómic, que se presenta o venres 15 de outubro no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra (20.30 horas, entrada libre, reservas: [email protected]), é un traballo colectivo realizado por 14 autores e autoras formados na escola de banda deseñada que dirixe o propio Da Silva en Pontevedra, O Garaxe Hermético.

Segundo informou a Deputación Provincial, o obxectivo desta publicación do departamento de Memoria Histórica, é "chegar a un público novo que normalmente non ten moita relación coa memoria e que non participa en actos como congresos, encontros ou charlas". En definitiva, "achegar á xente moza o relato dos feitos acontecidos durante os anos da ditadura e a represión e as súas consecuencias na provincia".

Miguel Rojo, Pablo Prado, Fernando Llor, Ana Pumares, Fonso Barreiro, Antonio Recuna, Eli García, Miriam Iglesias, Iago Fernández Falcón, Damián Gómez Figueras, Zaida Novoa, Mara Méndez, Olalla González e Lorena Nikoli son os autores e autoras que asinan as diferentes historias recollidas no libro.

Segundo a Deputación de Pontevedra, o volume será distribuído nos institutos de educación secundaria da provincia e tamén nas bibliotecas e puntos de lectura municipais. Ademais, as persoas interesadas en conseguir un exemplar poderán solicitalo nas instalacións do departamento de Memoria Histórica situado nas dependencias do Arquivo Provincial ata esgotar existencias.