Baobab chama á porta

O grupo de teatro de Pontevedra estrea este martes 'Pum pum' no Salón do Libro ►"Nós o que temos é un fondo compromiso coa infancia", di Andrea Bayer
Davide González, ao acordeón, e Andrea Bayer, nos ensaios da obra de teatro
photo_camera Davide González, ao acordeón, e Andrea Bayer, nos ensaios da obra de teatro

Pum pum. Baobab chama á porta. A compañía de teatro de Andrea Bayer e Óscar Ferreira estrean o martes no XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra a súa última montaxe, "unha peza esteticamente fermosa e cun texto moi poético".

O grupo, candidato aos premios Max, premio Barriga Verde de teatro e premio da Feira de Teatro de Ciudad Rodrigo, entre outros, porá en escena este martes e o mércores (18.30 horas, 3 euros) a súa nova obra, Pum pum, "da que non queriamos desvelar demasiado", avisa Andrea Bayer. "Simplemente nos gustaría que a xente a vexa antes de formarse unha opinión porque nos arriscamos cun tema complexo. A idea xeral podería ser que hai que respectar aos cativos dende pequenos e que é conveniente que coñezan que debe haber límites".

En Pum pum reaparecen algunhas das señas de identidade de Baobab: a preocupación pola estética das obras e a proposta dun espectáculo que, dende a tenrura, promove a reflexión. "Mesmo poderiamos dicir que podería ser unha obra con varias lecturas, algunhas para os nenos e algunhas para os adultos". E, sempre, un final que deixe bo sabor de boca. "Un final esperanzador", apunta Bayer, que revela con que obxectivo único traballa Baobab cando prepara un novo show. "Nós o que temos é un fondo compromiso coa infancia. É así: o noso compromiso é cos nenos".

MÚSICA. Teatro de monicreques, de actor e de sombras mestúranse, en Pum pum, coa música en directo. "Si, desta vez incorporamos a Davide González, que toca o acordeón", di a autora e actriz. "Como sempre, intentamos buscar xente que nos achegue cousas bonitas e formar un equipiño chulo de traballo. Penso que con Pum pum o volvemos conseguir".

A protagonista da obra é Marieta, "unha nena de seis anos como calquera outra". Está rodeada de portas, "portas que se abren e contan historias, historias que teñen música e cantan cando Marieta quere, pero Marieta ten un segredo que nunca contou e que ninguén escoitou...".

A sinopse do espectáculo que recolle a programación do Salón do Libro indica que esta de Baobab é "unha proposta tenra que fala de historias cotiáns que lles pasan aos nenos, pero que tamén traslada unha mensaxe clara: dende moi pequenos teñen que saber que ninguén pode obrigarlles a facer cousas que non queren". A obra está recomendada para cativos maiores de 5 anos.

"Todas as temáticas que viñemos tratando ao longo destes anos son temáticas comprometidas coa infancia", segue explicando Andrea Bayer. "O que pasa é que despois nós contámolo todo á nosa maneira, de xeito sempre emotivo e poético, imprimíndolle o que pensamos que é o noso selo".

NA CASA. Como xa fixera noutras ocasións, Baobab aproveita a celebración do Salón do Libro para estrear a súa nova montaxe. "Facémolo así porque nos sentimos sempre moi acompañados ao facelo aquí, na casa, entre os nenos que nos coñecen, os amigos e a familia", comenta Bayer.

De feito, as representacións no Salón funcionan case como preestreas. "É certo, porque moitas veces sérvennos para calibrar un pouco o espectáculo, escoitar críticas, e despois axustalo un pouco e, se pode ser, melloralo". Para Andrea Bayer, que participa activamente na iniciativa do Pazo da Cultura, "non pode haber mellor punto de partida".

Comentarios