Bará reprocha ao PP a súa "soberbia" e pide aos galegos que lle dean "carpetazo"

O candidato do BNG por Pontevedra recoñece que será "necesario" que nas próximas eleccións haxa unha "gran mobilización social" para desaloxar aos populares da Xunta

Luís Bará. RAFA FARIÑA
photo_camera Luís Bará. RAFA FARIÑA

O candidato do BNG por Pontevedra ás eleccións autonómicas galegas do 12 de xullo Luís Bará asegurou que o PP está "instalado no triunfalismo e a soberbia" e pediu aos galegos "dar carpetazo" ás políticas "fracasadas" desa formación.

Nunha conferencia de prensa celebrada este luns en Pontevedra, Bará recoñeceu que será "necesario" que nas próximas eleccións haxa unha "gran mobilización social" para desaloxar ao PP da Xunta e que Galicia sexa "máis forte, máis xusta e con futuro".

"O BNG sae a suar a camiseta", apuntou o candidato nacionalista galego, e destacou que o seu partido ten "boas expectativas" e conta co aval de gobernos "transformadores, solventes e eficaces" por todo o territorio galego. 

O cambio á fronte do goberno autonómico "é máis necesario que nunca" debido á crise provocada pola pandemia da covid-19, que suporá un "reto colectivo" da sociedade galega e da que "hai que saír de xeito diferente" á crise financeira e económica de 2008, segundo Bará.

A xestión da alerta sanitaria, a xuízo do candidato do BNG por Pontevedra, mostrou o "fracaso do centralismo" e a Xunta estivo "desaparecida" e foi "o único" goberno autonómico que non aprobou axudas directas a pemes e autónomos, salientou.

"Temos que dar portada ás políticas do PP que non fixeron máis que deteriorar e privatizar os servizos públicos", engadiu Bará, que lamenta que o Goberno de Núñez Feijóo faga de Galicia un "deserto industrial", que a poboación se reduza ano tras ano e que esta comunidade teña "menos peso político" no conxunto do Estado.

O candidato do BNG recoñeceu que esta será unha campaña política "anómala e estraña", pero dixo que os nacionalistas galegos estarán "moi activos" para contrarrestar os "ventaxismos e trampas" do PP.

Comentarios