Barbie pasea por Pontevedra

Elisa Cotelo comparte en Instagram e Facebook fotos da súa colección de bonecas en distintos espazos da capital da provincia. "O proxecto nace coa intención de ofrecer un xeito diferente de descubrir a cidade", explica a creadora e directora de arte publicitaria.

barbies__RafaFari_i3-6
photo_camera Elisa Cotelo fotografando as súas Barbies na Praza da Ferrería. RAFA FARIÑA

"De pequena tiven moitas bonecas, si", recoñece Elisa Cotelo (Pontevedra, 1993). "Pero ningunha como estas Barbies actuais, tan articuladas, tan diferentes entre si, loiras, morenas, negras, asiáticas... Descubriumas miña nai o pasado Nadal e encantáronme. Comecei a coleccionalas". Agora mesmo ten once. E failles fotos. Instálaas en distintos puntos de Pontevedra e retrátaas para as contas de Facebook e Instagram Barbies de Pontevedra. 

Leva apenas un par de días co proxecto, pero agarda darlle continuidade. En realidade, empezou a facer estas fotos para a súa conta particular nas redes sociais. "Aparecían no medio de todo o que ía colgando". Ata que se decatou de que podía darlle contido a unhas contas específicas con elas. "A iniciativa nace de xeito totalmente lúdico, para divertirme, porque me gusta facelo, pero a intención é que se convirta nun xeito diferente de descubrir a cidade".

«Agora sempre ando por aí cunha Barbie preparada para poder facerlle unha foto en calquera momento», confesa a artista

‘De casta lle vén ao galgo’. A nai de Elisa Cotelo, Sofía Patricia Remisario, é unha importante coleccionista de bonecas. "Entrar na súa casa é como entrar nun museo", di a moza. "Ten unha colección de Nancys moi chula". Sen embargo, confesa que a ela non lle chamaron nunca especialmente a atención ata que deu con esta nova colección de Barbies. 

"Agora sempre ando por aí cunha Barbie preparada para poder facerlle unha foto en calquera momento", confesa. "Ademais, son bonecas que se prestan a ser customizadas: intercámbiolle a roupa, as cabezas, modifícolle os peiteados... Trátase precisamente tamén un pouco diso, de ofrecer algo diferente e recoñecible".

O Mirador de Monte Porreiro, o Monte da Fracha, a Praia de Loira ou Benito Corbal foron algúns dos espazos fotografados

Tamén se presta a cidade para un proxecto coma este. "Claro! Pontevedra é ideal para facer algo como isto. Está chea de recunchos interesantes. É moi doado traballar nunha cidade con tanto fondo". Ela, polo momento, fotografou as súas bonecas no Mirador de Monte Porreiro, no Monte da Fracha, na Praia de Loira, no Mirador da Caeira, ao carón do Río Lérez, no Campus universitario e en Benito Corbal.

Titulada en Belas Artes e cun máster en Dirección de Arte Publicitaria, Cotelo, que prepara agora oposicións ao Ensino Secundario, saúda á xente dende Instagram (@barbies_de_pontevedra): "Ola! Son Elisa, pontevedresa, coleccionista e directora de arte publicitario. Nesta conta podes visitar Pontevedra coas fotografías das miñas Barbies", indicaba no seu primeiro post. "¡Visita Pontevedra con Barbie!", reza o perfil xeral da conta. Segundo di, o que  intenta ofrecer con esta iniciativa é exactamente iso: un xeito diferente de visitar Pontevedra. "Cando empecei con todo isto pensei en dirixirme fundamentalmente a dous tipos de persoas: xente de Pontevedra que está fóra e á que lle gusta volver ver a súa cidade e xente que non coñece Pontevedra e quere coñecela".

Así que cada unha das imaxes das bonecas que vai colgando aparecen cun texto descritivo (en galego, castelán e inglés) do lugar no que foi tomada a foto. 
E que pensa súa nai de todo isto? "Gústalle a proposta. Está encantada coa idea".
 

Comentarios