Barcelona, Lisboa, Hamburgo e Madrid, novas paradas do Efecto PO2

O Concello ten axendados na primavera varios encontros sobre o modelo de cidade, entre eles na Deputación de Barcelona ou no Ministerio de transportes alemán
O modelo de cidade de Pontevedra terá varias citas este ano. ARQUIVO Efecto PO2
photo_camera O modelo de cidade de Pontevedra terá varias citas este ano. ARQUIVO

O Efecto PO2 continúa espertando moito interese no exterior e terá unha especial relevancia nesta primavera da man de diversas citas internacionais, ademais de ir incorporando convites procedentes de distintas partes do mundo para os vindeiros meses do ano.

Esta axenda internacional estase a complementar por parte do Concello de Pontevedra con outras iniciativas como a colaboración en publicacións tanto estatais como internacionais que van recollendo ben o modelo urbano, ben referencias sectoriais a el.

Con motivo do 40 aniversario do Servizo de Medio Ambiente, a Deputación de Barcelona organiza un ciclo de seminarios estruturados en coloquios entre representantes da política municipal co propósito de coñecer o liderado sobre proxectos inspiradores de sustentabilidade, aporte de criterios e experiencia.

A presidenta da Deputación de Barcelona, Nuria Marín Martínez, remitiu unha carta ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para solicitarlle a súa participación no debate Planificar un modelo urbano da man do verde, previsto para o 20 de abril entre as 10 e as 12 horas.

Segundo a misiva da presidenta da Deputación: "A túa achega e experiencia estratéxica e innovadora de desenvolvemento sostible que implantache na túa cidade serán un exemplo inspirador para o conxunto do ámbito local".

ALEMAÑA. Pontevedra participará a finais de mes no German Federal Cycling Congress organizado polo Ministerio federal de transporte de Alemaña. Este congreso que terá como sede Hamburgo, será presencial e en liña os días 27 e 28 de abril. Pontevedra, a través da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, participará na mesa de experiencias mundiais que pretende recoller as "mellores prácticas internacionais das que todo o mundo está falar na actualidade e poderían converterse nas novas tendencias da próxima década", en palabras dos organizadores.

Nunha especie de xogo pitch, Pontevedra tratará de convencer en 3 minutos a unha audiencia sobre o modelo de cidade. Competirá con outras como Hamburgo ou Berlín.

Finalmente, de resultar gañadora, disporá de 10 minutos máis na súa exposición e poderá responder ás preguntas do público.

UAM.  A Universidade Autónoma de Madrid (UAM), a través do Departamento de Estrutura Económica e Economía do Desenvolvemento, contará con Pontevedra o vindeiro 27 de maio para participar na sesión monográfica Urbanismo e mobilidade sostibles.

Esta sesión está incluída dentro dun foro sobre mobilidade sostible e inclusiva, dirixido por un equipo de investigación da UAM, incluído na alianza universitaria europea CIVIS. Este proxecto universitario púxose en marcha en setembro de 2020 cun grupo de persoas de referencia vinculadas ao mundo do transporte, administracións locais e autonómicas con competencia na materia, expertos académicos e profesionais.

LISBOA. Do 28 ao 30 de maio a International Play Association-Portugal organiza unhas xornadas sobre o xogo infantil, en colaboración coa Facultade de Motricidade Humana da Universidade de Lisboa e o Concello de Cascais. O título das xornadas, motivadas pola Covid, será Xogar coa incerteza e cos desafíos.

Os organizadores buscan de Pontevedra amosar como se pode facer unha cidade na que os nenos e os adultos poidan camiñar, xogar e ter acceso ao lecer nunha contorna segura, e no que os coches non dominen o espazo público. No propio convite asegúrase que "Pontevedra é un exemplo en canto a urbanismo e mobilidade amigábel, que ten en conta as necesidades de dereitos da infancia, como o dereito ao xogo rexistrado no artigo 31 da Convención dos Dereitos do neno".

ÉVORA. Xa no mes de xuño, Pontevedra está convidada polo Concello de Évora a participar no workshop A mobilidade urbana e a acessibilidade como fatores de desenvolvimento sustentável. Será o vindeiro 8 de xuño e abordaranse cuestións relacionadas coa política de mobilidade urbana como factor de desenvolvemento e a importancia da accesibilidade para todos os espazos culturais e patrimoniais.

GRANADA. Tamén se vai completando a axenda internacional da cidade cara final de ano. Xa existe un convite na Alcaldía de Pontevedra da Mesa polo clima de Granada que celebrará no mes de novembro un Congreso internacional virtual co título Acción local fronte ao cambio climático. A participación de Pontevedra estaría enmarcada dentro dunha mesa redonda sobre A mitigación e adaptación ao cambio climático dende as cidades na que exporía a experiencia de cidade.

PUBLICACIÓN AUSTRÍACA. Ao respecto das colaboracións do Concello con distintas publicacións e investigacións destaca a que vén de facer pública a organización austríaca VCÖ, radicada en Viena, que acaba de incluír a Pontevedra na súa revista trimestral Máis espazo para a mobilidade activa. Neste número aborda o tema mobilidade e a saúde. Segundo relatan na propia publicación quixeron expoñer como boa práctica a cidade de Pontevedra como exemplo de tráfico tranquilo.

O departamento de comunicación de VCÖ púxose en contacto co gabinete de comunicación do Concello para solicitarlle material ao respecto do modelo de cidade, así como fotografías que acompañasen á publicación. VCÖ é unha organización ambiental, recoñecida polo Ministerio de Protección do Clima austríaco, que avoga por unha mobilidade ecoloxicamente compatible, socialmente xusta e economicamente eficiente

PUBLICACIÓN ITALIANA. departamento de Promoción da Cidade tamén recibiu neste mes de marzo a solicitude dos arquitectos italianos Sara Cipolletti e Marco d’Annuntiis para reproducir o metrominuto na publicación Child Friendly Architectures, unha publicación científica que recolle os resultados dun curso de formación realizado pola Escola de Arquitectura e Deseño de Ascoli Piceno, a Universidade de Camerino e Unicef Italia sobre os espazos deseñados para os nenos e os adolescentes. Naquel curso, celebrado a finais de 20219, teorizouse sobre a forma de pensar no deseño dos espazos para cativos e adolescentes tendo en conta os seus dereitos, promovendo a aprendizaxe de ferramentas e técnicas de deseño e novas tecnoloxías. Os relatores queren agregar a escenificación das distancias a pé na cidade de Pontevedra ao seu texto sobre a planificación e a rede de espazos públicos para nenos e nenas.

A REVISTA DA DXT E A VELOCIDADE 30. Pontevedra tamén formará parte do vindeiro número da revista da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) no que aparecerá o suplemento as Cidades 30. Trátase dun documento preparatorio da aprobación desta normativa de tráfico prevista para o mes de maio. A cidade colabora na publicación achegando fotografías sobre os diferentes elementos implementados na cidade para conseguir ser a primeira do Estado en implantar a velocidade 30 en todas as vías municipais urbanas a partir do ano 2011.

Comentarios