Unha base de datos en liña informará en tempo real sobre os negocios abertos

Promoción Económica creará tamén un directorio de pymes e unha app municipal para que as tendas poidan vender por Internet
JAVI FOTO DEL DIA DEL MERCADO DE ABASTOS
photo_camera Un posto de froita e verdura no Mercado de Abastos.

. A Concellería de Promoción Económica e Turismo está a traballar na elaboración dunha base de datos para informar á cidadanía en tempo real dos diferentes negocios de Pontevedra que permanecen en funcionamento durante o estado de alarma motivado pola Covid-19, segundo informou nun comunicado.

A súa finalidade é a de proporcionar, a través das páxinas web do Concello (www.pontevedra.eu) e do proxecto Iniciativa Local de Emprego Social (www.proxectoiles.es), datos actualizados sobre os medios de contacto e os servizos que ofertan os establecementos, como o reparto de produtos a domicilio, facilitando deste xeito a realización das compras nestes días de confinamento.

Con tal motivo, o Servizo de Promoción Económica puxo a disposición dos negocios do municipio de Pontevedra unha dirección de correo electrónico ([email protected]) á que deben remitir información como o e-mail de contacto, nome comercial e tipo de establecemento (a que se dedica, que produtos ou servizos oferta), se o local permanece aberto, o horario de atención ao publico, a posibilidade de efectuar compras a domicilio e as condicións deste servizo (compra mínima, distancia cuberta en quilómetros).

Así mesmo, "tamén deberán indicar como se pode realizar un pedido nas súas tendas, facilitando datos como a súa páxina web, o seu teléfono de contacto, o seu whatsapp ou a súa dirección de Facebook", explica a concelleira Yoya Blanco.

PLATAFORMA. Tal e como apunta a edil socialista, esta base de datos online será "en principio para informar sobre os locais de Pontevedra que permanecen activos durante o estado de alarma e sobre os servizos que ofrecen", pero "toda a información compilada empregarase máis adiante para crear un directorio de pequenas e medianas empresas (pemes)".

A súa idea é a de deseñar e poñer en marcha nun futuro "unha app de comercio local que funcione ao estilo doutras coñecidas plataformas, permitindo que a cidadanía poida adquirir os seus produtos e artigos por Internet".

Comentarios