A Batalla de Flores conquista novamente a cidade

As carrozas temáticas fixeron as delicias de cativos e maiores nunha cabalgata que encheu de confeti as rúas de Loureiro Crespo, Benito Corbal, Cobián Roffignac e Padre Amoedo

Tras dous anos dun descanso obrigado pola pandemia, a Batalla de Flores volveu coas súas mellores galas na tarde deste xoves. As rúas de Loureiro Crespo, Benito Corbal, Cobián Roffignac e Padre Amoedo acabaron mergulladas nun confeti que os máis cativos lanzaron desde as carrozas e que outros cativos -e non tan cativos- se encargaron de recoller nun exercicio de euforia conxunto no que os sorrisos foron a tónica habitual do día.

Pandeiretas, gaitas, tambores e coros puxeron a banda sonora dunhas carrozas onde as temáticas foron tan diversas como divertidas: animais de cores, minions, pokemons, aves feitas de globos, demos que bailaban enredados nos seus hula hoops, trolls ou ata Gerónimos Stilton que, este xoves, non tiña máis misterio que resolver que o de cantos nenos conseguiran congregar ao redor das rúas.

Un misterio que, por outra parte, tiña difícil resolución: as crianzas, acompañadas dunhas familias que de seguro atoparon nelas a escusa perfecta para gozar do espectáculo, lanzáronse á cidade para saltar, bailar, gritar e retornar a casa cunhas roupas cuxas teas parecían confeccionadas en papeis multicolor.

De feito, cun cheo tan absoluto como por exemplo se puido vislumbrar en Benito Corbal, os propios nenos avisaban aos seus pais que calquera movemento podería ser fatal. "Nos van a quitar el sitio", exclamaba un deles cando os seus proxenitores parecían relaxarse ante o inminente comezo da festa.

Outros, a súa vez, por eses dous anos de carrozas que lles roubou a pandemia, parecían confusos: "Hai que estar atentos para cando tiren os caramelos". A corrección dos maiores, sen embargo, non provocou ningunha decepción deles: aínda que non se poida mastigar, envolverse en confeti tampouco é un mal plan.

E iso pensou, na tarde deste xoves, a cidade de Pontevedra: desde os máis cativos ata unha terceira idade que tampouco tiña pensado perderse a cita coa diversión.

Comentarios