"O cancro son células egoístas que queren ser inmortais e crecer no noso corpo"

Os tratamentos oncolóxicos que están en desenvolvemento arroxan "resultados apaixonante", pero máis que diminuír, a oncóloga Begoña Graña Suárez advirte que o cancro afectará cada vez máis á poboación
Begoña Graña Suárez. GONZALO GARCÍA
photo_camera Begoña Graña Suárez. GONZALO GARCÍA

Begoña Graña Suárez (A Coruña, 1974) pilota desde hai dous meses o servizo de Oncoloxía da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, pero en realidade leva máis de 26 anos seguindo a pista do cancro. Entre 1998 e 2002 especializouse en Oncoloxía Médica no CHUS, posteriormente formouse en cancro hereditario no Instituto de Salud Carlos III e na súa formación realizou estancias en prestixiosos centros internacionais, como o Memorial Sloan Kettering Cancer Center de Nova York e o MD Anderson CancerCenter de Houston. Durante a súa traxectoria profesional traballou no Hospital Universitario Vall d'Hebron de Barcelona, no complexo hospitalario de Ferrol e durante a última década no CHUAC de A Coruña.

Unha das súas especialidades é o cancro familiar. Como é de frecuente?
Todos os cancro son xenéticos, porque hai unha alteración do ADN, pero hai unha porcentaxe que teñen agregación familiar. A herdanza non está moi clara, porque probablemente se mezclan factores ambientais e xenéticos, pero hai un 5% que son claramente hereditarios (...). De todos os xeitos, a maior parte dos tumores teñen que ver con facernos maiores, coa nosa bioloxía. O cancro son células egoístas que queren ser inmortais e crecer no noso corpo, e cando envellecemos os mecanismos que controlan as células que non funcionan ben operan peor. Ademais, hai factores ambientales de moito peso e un montón de variables, por iso é unha enfermidade tan complexa e difícil de erradicar.

En que grao se pode previr a patoloxía oncolóxica?  
O Código Europeo contra o Cancro establece medidas moi básicas, como facer exercicio desde edades temperás, combatir a obesidade e levar unha alimentación sana. Agora mesmo no mundo occidental hai unha incidencia enorme do cancro de colon e pénsase que en gran parte é debido á comida rápida e ás bebidas carbonatadas. Tamén afectan moito o tabaco e a exposición solar, pero aínda que podemos adoptar medidas para reducir o risco, como os hábitos saudables e as campañas de cribado, a prevención ao cen por cen non é posible.

Que futuro lle depara entón ao cancro?
Porque cada vez hai más avances, pero tamén máis envellecemento da poboación... O cancro seguirá afectando á nosa vida e farao cada vez máis e con tratamentos máis custosos, porque as innovacións hai que pagalas. A factura dos tratamentos oncolóxicos medra cada ano e lamentablemente unha porcentaxe amplia da poboación ten moi malos hábitos de saúde. Polo tanto, se non traballamos isto dende moi pequenos, a incidencia vai a ir a máis, non a menos. Non sei se son malas noticias ou non, pero é a realidade á que nos imos enfrontar.

A Asociación Española Contra el Cáncer, AECC, quere chegar ao 2030 cun 70% de supervivencia. É unha meta posible?
Depende dos tumores. Nós non tratamos o cancro infantil, pero neste caso o índice é moi superior e hai cancros de mama luminales cunha supervivencia moi elevada. Así é todo, hai outros máis agresivos como, por exemplo, o cancro de páncreas, no que menos dun 5% dos pacientes sobreviven aos cinco anos. Por tanto: a supervivencia vai subindo e aumentando, pero aínda temos moito camiño por diante.

A cuestión é: o sistema sanitario ten capacidade para ofrecer os tratamentos máis avanzados a todos os pacientes?
O pago das facturas médicas é a causa máis importante de bancarrota familiar no mundo. Aquí temos a sorte de ter unha sanidade pública, que a veces minusvaloramos, pero o acceso aos fármacos ten que estar moi avaliado e controlado. Hai medicamentos doutros países que aquí non se deciden financiar porque, en relación ao custe, o beneficio é moi pequeno. Cando un é paciente é unha situación dificil de entender, pero ten que haber unha análise. Ademais, debemos pensar canto estamos dispostos a pagar como sociedade e os políticos deben decidir se queren gastar os cartos en sanidade ou noutras cousas, algo no que hai diferentes correntes políticas.

De todos xeitos, visto como progresan os avances, a carteira sanitaria debería recibir máis fondos.
Pero hai que investilos ben, porque non toda a innovación é boa. Depende moito de cal é a ventá terapéutica e de cantos pacientes se van beneficiar. O que sucede é que, loxicamente, cando un está enfermo quere todo xa, pero se non facemos ese análises quedariamos pronto sen recursos.

Galicia é a primeira comunidade en iniciar as obras dun Centro de Prontoterapia e participa en ensaios innovadores que emplean, por exemplo, células CAR-T. Que posto ocupa na táboa nacional na abordaxe do cancro?
Fáltanos coñecer os resultados en saúde, non só a nivel autonómico, senón tamén estatal. Cando vemos a supervivencia que temos os resultados son bos, pero falta facer unha análise máis profunda de canto nos beneficiamos por cada tratamento. En todo caso, con respecto ao outros países de Europa seguro que estamos no nivel alto. A prontoterapia terá unhas indicacións moi concretas e, á parte das células CAR-T, hai cousas moi interesantes que están en carteira.

Por exemplo...
Son estratexias que van na liña das células CAR-T e que, aínda que están en desarrollo, teñen uns resultados apasionantes nos estudos preclínicos.

"Quería ser escritora, pero na casa dixéronme que tiña que facer algo de máis proveito"

En 2020 gañou o premio Pura e Dora coa obra 'Adrán e a fábrica de xeo' e recentemente publicou o libro de poesía 'Médica de Garda'. A literatura é o seu punto de fuga?
A medicina non deixa de ser unha artesanía. As mellores facultades do mundo teñen materias de medicina e arte, porque ás veces estamos en contacto co sufrimento diariamente. De feito hai universidades de alto prestixio nas que, se un ten unha enfermidade crónica ou é voluntario dunha ONG, obtén puntos extra para estudar a carreira porque se supón que vai ser mellor médico (...). No meu caso quería ser escritora, pero na casa dixéronme que era unha profesión da que se vivía mal en España e que tiña que facer algo de máis proveito. Entón dixen: medicina. Adrán e a fábrica do xeo escribino para o meu fillo maior. Quería un libro que o divertise, pero que tamén lle falara de ciencia, así que recolle experimentos ou principios físicos como o de Arquímedes. O último, 'Médica de Garda', é un libro de poemas que escribín na pandemia e isto si que foi un punto de fuga, porque foi unha época na que o pasamos francamente mal. Comeceino un día á volta dunha garda espantosa, en pleno confinamento, e recolle unha selección dos poemas que escribín durante dous anos.

O abano de especialidades médicas é amplo. Por que oncoloxía?
Eu quería ser xenetista porque cando descubrín o ADN pareceume marabilloso, Fun alumna de Ángel Carracedo, pero como en España non hai especialidade en xenética clínica elixín oncoloxía, porque o cancro é unha enfermidade xenética. Ademais tiven casos preto na familia que me marcaron no MIR.