Belas Artes presume da banda deseñada

A exposición 9 narrativas gráficas e unha animación desesperada recolle, por primeira vez, creacións de dez exalumnos, entre os que se atopan Alberto Vázquez, Jano ou Kiko da Silva
Kiko da Silva e Ignacio Pérez-Jofre na presentación da exposición na sala universitaria Profesor Manuel Moldes, da Facultade de Belas Artes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Kiko da Silva e Ignacio Pérez-Jofre na presentación da exposición na sala universitaria Profesor Manuel Moldes, da Facultade de Belas Artes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Dez exalumnos formados na Facultade de Belas Artes e que na actualidade son profesionais da banda deseñada, a ilustración e a animación protagonizan a exposición 9 narrativas gráficas e unha animación desesperada, que se inaugura este venres na sala universitaria Profesor Manuel Moldes. Comisariada polo autor e editor de cómics Kiko da Silva e promovida coa colaboración do Concello de Pontevedra, trátase da primeira mostra de banda deseñada que reúne as creacións de exalumnos de varias xeracións da facultade e poderá visitarse ata o 29 de xuño.

Kiko da Silva e o vicedecano de Cultura e Alumnado da Facultade de Belas Artes, Ignacio Pérez-Jofre, presentaron onte a mostra que reúne as creacións dos profesionais Alberto Vázquez, Brais Rodríguez, Jano, José Domingo, Julia Lago, Martín Romero, Miguel Cuba, Miguel Porto e Miriam Iglesias, así como do propio Kiko da Silva. Trátase, como lembrou Pérez-Jofre, de artistas cunha "obra de gran calidade", que conta ademais "con moita implantación do tecido profesional e cultural de Galicia, de España e incluso internacional". Varios dos artistas da mostra contan con obras feitas en diferentes idiomas, ao que se suman fitos como os catro premios Goya logrados por Alberto Vázquez polas súas curtametraxes e longametraxes de animación. "Unha das cousas que hai que reivindicar é que o cómic e a animación naceron ao mesmo tempo" e que os primeiros autores de banda deseñada foron os que puxeron "as bases do que se convertería na técnica da animación tradicional", asegurou Da Silva.

Nese senso, esta conexión entre as dúas disciplinas vese reflectida nos bocexos que Vázquez realizou para o seu filme Psiconautas, co que gañou en 2017 o Goya á mellor película de animación e cuxo storyboard pode verse na mostra de Belas Artes. A maiores, a facultade ten previsto ofrecer algunhas visitas guiadas.

Exposición '9 narrativas gráficas e unha animación desesperada'. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Exposición 9 narrativas gráficas e unha animación desesperada. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Reivindicación

"Para os que vivimos outra etapa moi diferente da facultade, que en Belas Artes haxa unha exposición de cómic é unha moi boa noticia", asegurou Kiko da Silva, que recoñece que unha das cuestións reivindicadas desde hai anos polos autores de banda deseñada era que "a novena arte tiña que estar nas facultades de Belas Artes e ser unha modalidade máis da creación artística". Nese senso, a exposición que se inaugurará este venres ás 12.30 horas propón "un percorrido" polo traballo de autores e autoras de diferentes xeracións, que contribuíron ao longo das últimas dúasdécadas á renovación da banda deseñada en Galicia. Non en van, a comezos deste século sucedeu algo realmente revolucionario no referido á expansión deste xénero en Galicia, xa que os seus autores e autoras, "boa parte deles debuxantes que estabámonos formando en Belas Artes, pasaron de facer fanzines a profesionalizarnos, reivindicar o oficio e fundar asociacións profesionais....", tal e como o lembrou o comisario desta mostra e tamén director da escola de banda deseñada O Garaxe Hermético.

Pola súa banda, Pérez-Jofre puxo en valor que esta exposición permite achegarse, a través do cómic, a "posicións estéticas e sistemas narrativos experimentais e moi diferentes". Asimesmo, o comisario da mostra engadiu que "unha das cousas que máis caracteriza á banda deseñada galega é que cada creador ten moita liberdade á hora de escoller as súas estéticas".

Comentarios