Lunes. 18.12.2017 |
El tiempo
Lunes. 18.12.2017
El tiempo

Belas Artes proba a súa capacidade de reacción ante un incendio

Explicación previa dos bombeiros
Explicación previa dos bombeiros
Bombeiros, Policía Nacional e 061 colaboraron nun simulacro con dous feridos

Ás 12.26 horas do xoves a alarma da Facultade de Belas Artes comezou a soar de xeito continuado trala detección de fume nunha das súas aulas. Cinco minutos despois, alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos reuníronse no xardín situado ás portas do centro para completar un simulacro organizado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Universidade como parte da implantación do plan de autoprotección desta facultade do campus pontevedrés. Esta iniciativa contou coa participación da Policía Nacional e dos Bombeiros de Pontevedra, encargados de acordoar a zona e sufocar o suposto lume, así como do 061, que achegou ao centro unha ambulancia co propósito de asistir a dous supostos feridos.

"Saíu todo moi ben e, trala evacuación, os Bombeiros encargáronse de comunicar aos equipos responsables algúns detalles a mellorar", salienta María José Montero, técnica do Servizo de Prevención de Riscos Laborais, dun simulacro no que unha máquina de vapor foi a responsable de provocar o fume que motivou que a alarma saltase por primeira vez como sinal de alerta. A partires de aí, o equipo de emerxencia, capitaneado pola decana, Silvia García, e o xefe de intervención, en conserxería, encargáronse "de ver cal é a incidencia" e, unha vez constatado que o suposto lume non se podía apagar cos medios propios, explica Montero, fíxose saltar de novo a alarma para proceder á evacuación do centro xa coa participación engadida dos equipos de alarma e evacuación.

"Funcionou todo moi ben, aínda que tivemos un problema diante da entrada" e foi preciso trasladar ás persoas desaloxadas do centro cara o xardín situado uns metros máis atrás, que debía servir como "punto de encontro", explica García. Este foi o primeiro simulacro de incendio levado a cabo en Belas Artes e definiuno como "unha acción positiva que nos serve para detectar posibles erros ante unha emerxencia".

De feito, unha vez que se constatou a desaparición do fume e tras seren atendidos os dous supostos feridos —un que foi preciso inmobilizar previamente no interior e outro afectado pola inhalación de fume—, persoal dos Bombeiros de Pontevedra encargouse de trasladar aos integrantes dos diferentes equipos unha serie de cuestións a ter en conta ante situacións de emerxencia.

Este simulacro, explica Montero, constitúe un "exercicio práctico" que permite poñer en práctica o plan de autoprotección do centro e viuse precedido pola formación que, ao longo das últimas semanas, recibiron os integrantes dos equipos.

Por unha banda, apunta, "ofrecendo charlas sobre como hai que actuar en caso de emerxencia" e, por outra, complétase con sesións específicas sobre intervención para os equipos de emerxencia, "que é persoal formado para apagar os lumes", alarma, evacuación e primeiros auxilios, "que sería o encargado dunha primeira atención no caso de que houbera feridos".

Belas Artes proba a súa capacidade de reacción ante un incendio